Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Actividades de vela e piragüismo dentro do programa "Xogando na Auga"

 

O vindeiro luns 17 de setembro e o martes 18, dentro do programa escolar “Xogando na Auga”, alumnos do CPI Atios de Valdoviño participarán en actividades de vela e piragüismo no Peirao de Cedeira.

O programa escolar “Xogando na Auga”, é unha iniciativa de sensibilización e divulgación do GALP A Mariña-Ortegal para achegar aos escolares do territorio do Ortegal (dende Mañón ata Valdoviño) ás técnicas de navegación en embarcacións de vela e de remo. Trátase de poñer en valor o acervo cultural relacionado coa navegación tradicional e as artes mariñeiras.

“Xogando na Auga” inclúe actividades de modalidades deportivas tradicionais como a  vela lixeira e o piragüismo, e tamén outras máis recentes como o kaiak polo e o paddle board para configurar unha experiencia recreativa e educativa de contidos eminentemente procedimentais. Trátase de que os rapaces teñan un primeiro contacto coa navegación e adquiran unhas habilidades rudimentarias que lles servan para gobernar unha embarcación con ventos froxos e sobre unha lámina de auga moi estable. Orientarse respecto ó vento, crear unha palanca co remo, facer unha virada, manexar a caña do temón, cazar as velas, colaborar cos compañeiros e divertirse na auga son exemplos dos contidos das actividades do programa.