Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Alumnado de Foz e Burela leva ao cine dous emocionantes retratos de oficios mariñeiros

Cineastas, protagonistas e veciñas e veciños da Mariña encheron onte a sala 2 dos Cines Viveiro para ver as dúas curtometraxes realizadas polo alumnado dos IES de Foz e do Monte Castelo de Burela.

Quince rapazas e dous rapaces conformaban os grupos que dirixiron, baixo a coordinación do Laboratorio NUMAX e cos docentes Xurxo Ínsua e Marcos Flórez, "Mans salgadas", dous emocionantes retratos de veciñas e veciños de Foz falando dos oficios mariñeiros que foron o seu substento, xunto a filmacións e fotografías de arquivo, e "Todos os días o mar", relato do día a día da tripulación actual do palangreiro de fondo Raúl Primero, no seu duro traballo no Gran Sol.

"Para os que traballamos no cine é moi emocionante acabar aquí, nos cines", dixo Marcos Flórez, docente e socio traballador de NUMAX, ao tempo que agradeceu a xenerosidade dos Cines Viveiro.

O alumnado recibiu un diploma acreditativo desta formación en audiovisual que por primeira vez achegou unha base teórico práctica nesta materia.

No acto estiveron presentes o Xefe Territorial da Consellería do Mar en Viveiro, Pablo Fernández Asensio, o Delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, e o concelleiro do Mar do Concello de Viveiro, Jesús Fernández.

Este é o primeiro ano que o Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal promove “Vidas mariñeiras”, un proxecto dirixido ao alumnado de ESO e Bacharelato dos centros de ensino dos concellos de Valdoviño, Cedeira, Cariño, Ortigueira, Mañón, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo. O obxectivo: proporcionar a formación suficiente para levar a cabo a guionización, dirección e realización dunha curtametraxe co apoio de persoal técnico profesional, e ao tempo poñer en valor os oficios tradicionais e paisaxes mariñeiras da costa da Mariña-Ortegal.

Máis informaciónvidasmarineiras.gal