Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP A Mariña Ortegal pecha en Viveiro o proceso de avaliación intermedia da Estratexia do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca

 

O mércores 8 de maio celebrouse en Viveiro o Foro da avaliación intermedia da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa do GALP A Mariña Ortegal. Esta xuntanza pechou o proceso participativo que está desenvolvendo o GALP no seguimento da execución do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Na reunión deuse conta da xestión realizada polo GALP nas anualidades de 2016 ata 2018. Nestes tres anos o GALP xestionou a metade do seu orzamento, destacando un alto grao de execución no que se refire ao programa de axudas. Neste sentido o GALP apoiou a promotores da zona con máis de 3,2 millóns de euros de axuda. Isto supuxo unha execución financeira do 56,7% do orzamento total destinado ao programa para todo o período.

Este programa supuxo que se mobilizasen case 9,8 millóns de euros na zona costeira, tendo en consideración o investimento total de tódolos proxectos aprobados, que neste período foron un total de 59. Cabe destacar que destes, 24 estiveron asociados á xeración de valor engadido dos produtos pesqueiros e a melloras no sector pesqueiro, 18 abordaron a diversificación cara outras actividades produtivas, e o resto, estiveron relacionados co ámbito ambiental, patrimonial e da mellora da gobernanza do sector.

Cómpre resaltar o alto nivel de financiamento de actividades de carácter produtivo, 45 dos 59 proxectos, que acadaron poñer en marcha 17 novas empresas na zona e xerar máis de 45 postos de traballo.

As máis de 20 entidades participantes destacaron a boa labor que se está facendo dende o GALP para dinamizar o territorio. Comentouse a necesidade de axudar ás entidades do sector con menos recursos para acceder ao programa, e reforzar a presentación de proxectos do sector pesqueiro. Malia a ser o obxectivo con maior número de proxectos presentados, o promedio de orzamento é bastante baixo, co cal hai que procurar proxectos de maior calado.