Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Costa da Morte lanza, xunto a todos os GALP de Galicia, a campaña #QuedaCoNosoMar para visibilizar o labor da xente do mar ante o Covid-19

  • Esta iniciativa achega valoracións e datos de primeira man sobre a importancia económica e social do sector e a situación por provincias galegas.
  • O sector solicita á cidadanía que manteña o seu consumo de produtos do mar e así garantir o emprego dunhas 100.000 persoas e o 2% da riqueza galega.

 

Buño, 22 de abril de 2020.- O GALP Costa da Morte vén de lanzar, xunto ao resto de GALP de Galicia, a campaña “Queda na casa, queda co noso mar”, que utiliza o cancelo #QuedaCoNosoMar, para visibilizar o labor da xente do mar ante a situación provocada polo coronavirus Covid-19.

 

A iniciativa achega información de primeira man sobre a importancia que ten o traballo do sector, tanto a nivel económico e social. Para iso, o GALP achega diversas voces para reflectir as valoracións e testemuñas procedentes das distintas actividades do mar (pesca extractiva, acuicultura, marisqueo a pé, comercios, etc.).

 

Entre esas voces destaca a do presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez, que recoñece que “son días moi complicados” para o sector, do que viven directamente 22.000 persoas na nosa comunidade. Sinala que desde a Federación traballan para defender “a importancia que o consumo de produtos do mar ten para a sociedade”, así como as características particulares que existen entre as distintas actividades do mar, como poden ser a pesca e o marisqueo.

 

Pola súa banda, o presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores, Basilio Otero, asegura que desde o inicio do estado do alarma o sector do mar, tanto en Galicia como no resto de España, “reduciu en gran medida a súa actividade, con paróns de ata o 70% da frota nalgunhas autonomías”, provocado pola necesidade de equipos de protección individuais (EPIs), a caída da demanda doméstica e o peche da canle Horeca (hostalaría e restauración).

 

Porén, Otero destaca “a valentía” da xente do mar que, a pesar da menor actividade, continuou traballando para garantir a subministración de produtos á cidadanía. Basilio Otero considera que tanto o peixe como marisco son alimentos que deben chegar aos fogares debido “ao seu alto valor nutricional e enerxético”.

 

Situación por provincias galegas

En Lugo, Basilio Otero, presidente da Federación Provincial de Confrarías, asegura que a situación “é distinta respecto ao resto de Galicia” debido ás súas características propias, con sobre todo pesca de altura, baixura e moi pouco marisqueo, e tamén á maior duración da campaña da cabala. Isto, sumado a unha lixeira suba dos prezos e do consumo durante a Semana Santa, fixo que a situación se normalizara un pouco, pero “aínda queda moito que recuperar”, engade.

 

Na provincia da Coruña, a situación varía en función da confraría, pero en xeral estanse establecendo quendas de saídas ao mar, xa que debido ao descenso da demanda, non é preciso que toda a frota estea en activo. O presidente da Federación Provincial de Confrarías da Coruña, Daniel Formoso, pide á cidadanía que non deixe de consumir produtos do mar, “xa que a súa venda non só mantén os empregos directos, senón a toda unha cadea, entre a que hai empresas conserveiras, depuradoras ou transportistas”. Ademais, reclama “compensacións” para as persoas que tiveron que parar para cumprir co decreto de estado de alarma e para as que teñen que vender o produto “con caídas de prezos de entre o 50 e o 85%”.

 

En Pontevedra a maior parte da actividade de marisqueo está paralizada e tanto a pesca artesanal como as lonxas funcionan ao 60% ou 70% da súa actividade habitual, como destaca Javier Martínez, secretario da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra. Destaca o labor da xente do mar, que “é un dos colectivos que primeiro se sensibiliza” cunha situación como a provocada pola pandemia do Covid-19. Martínez indica que, “á parte do aspecto económico, a xente do mar tamén está preocupada polo abastecemento á cidadanía”, de aí que reivindique unha maior atención ás inquedanzas do sector, especialmente das mariscadoras.

 

Situación na Costa da Morte

Pola súa banda, dende o  GALP Costa da Morte, ponse de manifesto a relevancia do sector pesqueiro e marisqueiro na zona. “Agrupa a un número considerable de familias e pequenas empresas adicadas a este sector, que abastecen ós mercados de peixes e mariscos frescos, e que son os principais subministradores de produtos para o sector da hostalería e da restauración” explica o Xerente, Guillermo González. Considera que o sector pesqueiro e marisqueiro será fundamental na saída desta crise “Tanto para garantir o abastecemento de alimentos como para manter as economías locais”.

 

Un sector que emprega a máis de 100.000 persoas

A pesca, o marisqueo, a acuicultura mariña e o sector transformador dos produtos do mar dan traballo na nosa comunidade a máis de 100.000 persoas de forma directa ou indirecta, e xeran unha riqueza superior aos 1.100 millóns de euros, o que representa o 2% da riqueza de Galicia (PIB), segundo datos da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

 

Esta importancia da pesca é moi superior nalgúns municipios costeiros, onde a actividade extractiva, acuícola e transformadora son claves na economía local. Isto acontece nun de cada cinco concellos costeiros, onde o peso deste sector achega máis do 10% do seu PIB.

 

En 2019, nas lonxas e centros de venda de Galicia comercializáronse máis de 158.000 toneladas de produtos da pesca que supuxeron unha facturación de case 470 millóns de euros, segundo o Anuario de Pesca 2019.

 

O sector do mar non só é un piar estratéxico para a economía galega, senón que é a actividade produtiva máis característica da Galicia diante da economía europea.

 

 

GALP Costa da Morte.

Contacto de comunicación:

Guillermo González Diez 626 104 619

galp.mar.costadamorte@xunta.gal