Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

“Non podemos parar de ir ao mar, que comería a xente?”

Dende o GALP Golfo Ártabro Sur quixeron entrevistar aos catro patróns maiores das Confrarías de Pescadores de Lorbé, Mera, Sada e Coruña; para que todos e todas poidamos coñecer de primeira man como están a vivir dende o sector pesqueiro a situación provocada polo COVID-19.
 
Cal é a situación actual do sector? E a vosa en concreto?
Alejandro Pérez, patrón maior de Sada, coméntanos que eles van á campaña da anchoa e élles moi difícil conseguir todos os materias necesarios e, sobre todo, atopar medio de transporte de volta á casa: “antes nunha furgoneta  entrabamos seis ou sete e, agora, non podemos ir máis de tres, polo que hai que conseguir o triplo de furgonetas, co seu correspondente incremento nos gastos”.
Pola súa parte, Francisco Neira, patrón maior en Mera, dinos que para a súa confraría a diferencia a como estaba é grande, porque os prezos están pola metade: “afecta sobre todo nos ingresos, porque baixou moito o número de compradores. Unha parte importante dos nosos compradores traballan no sector da restauración, e con este sector cerrado, perdemos moita demanda.”
Emilio Méndez, patrón maior da confraría de Lorbé comenta que para eles, en artes menores, a situación actual non é boa, pero tampouco é mala: “nós seguimos a traballar coma de costume. Afectar afectounos nos prezos, porque o peixe non vale o que tiña que valer, pero da para ir cubrindo gastos.”
Tamén contamos coa opinión de Felipe Canosa, patrón maior da Coruña: “nós estamos traballando máis ou menos dentro do normal. Hai incidencias porque hai unha parte da frota que non está indo ao mar e temos recursos parados. Onde máis o notamos é na lonxa.”
 
Que medidas estades a adoptar para evitar contaxios?
A: “intentamos cumprir as medidas de seguridade recomendadas. Evidentemente, non é fácil. Agora as descargas fanas só dous e nas lonxas, por suposto, non entramos sen máscaras nin guantes”.
E: “temos mascarillas e guantes, bueno con guantes xa solemos traballar, pero a parte do guante co que traballamos habitualmente agora temos tamén os guantes de plástico que poñemos cando acabamos a faena cambiamos os guantes. A medida da distancia énos moi difícil cumprila, hai manobras nas que temos que acercarnos.”
 
Estades a recibir algunha axuda de apoio a actividade dende as Institucións?
A: “o outro día chegáronnos máscaras á casa na que vendemos e á cofradía, pero foron as primeiras. Nós tivemos que conseguilas como puidemos: compramos algunhas, pedimos outros e mesmo tivemos doazóns de máscaras feitas con impresoras 3D dun grupo de aquí. Logo nada en especial ademais dos ERTE’s, nós preferimos saír a traballar que meternos en axudas ou créditos”.
Fr: “a administración fará o que pode nestes casos claro, tampouco é fácil para eles. Envían mascarillas e información polo correo das cofradías tamén mandan moita. Axudas económicas que eu saiba o do ERTE e unha do FEMP. Moito papeleo e non sabes cando vas cobrar. Agora mesmo, que eu saiba, non temos nada asegurado.”
E: “a Xunta de Galicia tróuxonos o outro día á confraría uns paquetiños de mascarillas para repartir, non son moitos porque duran poucas horas, pero bueno, se lle fan mais falta aos sanitarios que llas dean. Tamén temos o ERTE, outro tipo de axudas que eu saiba no, falase de que o IVA nolo van a retrasar e que Portos de Galicia creo que tamén quere aprazar os pagos das chabolas, pero aprazar e nada máis.“
 
Como está sendo a venda do peixe na situación actual? Estades a atoparvos con problemas para comercializar o produto?
A: “para escaseza que houbo ata agora, non se notou que subise o prezo, de feito, a nós non nos variou moito. O noso peixe é máis de cerco. Traballamos con especies peláxicas, a sardiña agora está pechada, pero xurelo, cabala e especies que, aínda que van para o fresco, non son especies que adoitan ir para restaurantes, utilízase máis para conxelar ou para  carnada. Onde se notou moito a baixada foi en todo o peixe que ía para restauración.”
E: “nós vendemos na Lonxa da Coruña e si que é un pouquiño máis difícil. Porque antes ti deixabas o peixe, chegaban os compradores e miraban todo o peixe, agora teñen que comprar po teléfono, a vendedora ten que chamar aos clientes e venderlle sen ver o peixe e non é o mesmo comprar o peixe véndoo que sen velo, se cadra non te arriscas a pagar tanto. Tamén axuda que nesta arte coa que andamos nós collemos, coma quen di, de todas as clases de peixes, entón non nos afecta tanto.“
Fe: “os prezos modificáronse á baixa e na lonxa non se traballa con normalidade, as ventas son máis difíciles. Ao estar pechada hostalaría os peixes finos (rodaballo, lenguado, etc.) e os mariscos non llos vendes a nadie, entón iso ata que a hostalaría arranque vai estar parado. Os mariscadores de a pé están parados porque non hai posibilidade de venda. O marisqueo, a Ría e a agrupación de percebes e de poliquetos están 100% afectados. E tamén os peixes mais caros.”
 
De seguir nesta situación, de que maneira vai a afectar ao subministro de peixe no mercado?
Fr: “o barco vai ao mar e seguirá indo, así que, peixe vai haber. A xente pode comer peixe fresco tranquila, que sen él non ha quedar.”
Fe: “Si, para que non estivera asegurado o Goberno tiña que paralizar a frota, e non podemos parar de ir ao mar, que comería a xente? Os primeiros días comeriamos as conservas, pero así que se acabaran?”
 
Como cres que evolucionará a situación nun futuro próximo?
Fr: “Eu penso que nos vai costar moito remontar, polo menos a nós. Penso que vai vir o peor, porque se di que hostalaría vai ser o último que abra e, se non abren os restaurantes, nós imos seguir sen compradores. Aínda cando abran, a xente ten que saír e, se non ten cartos, non o vai facer. Non ten boa pinta, a situación non é cómoda e vai costar.”
E: “penso que o vamos a ter moi crudo, porque hai moita xente metida no paro e isto é unha cadea: se non hai traballo, non hai diñeiro e, se non hai diñeiro, non se gasta.“
 
E para rematar, que che gustaría engadir ou comentarnos? Agora que a xente de a pé ten a oportunidade de escoitar a alguén dende dentro do sector?
A: “no noso caso, unha axuda para aprazar o pago non é a solución. A solución sería subir algunha cota que é moi reducida e poder pescar máis. Isto axudaríanos a facturar máis e levar mellor esta situación, por suposto, sempre tendo coidado e facéndoo de maneira sostible e coherente. Este é o meu punto de vista. Polo demais, é un problema de todos e todas, por iso temos que achegar o noso gran de area para que se solucione canto antes. O/a que teña que ir traballar que traballe e o/a que teña que quedarse na casa quede.”
F: “os mariñeiros fixemos un esforzo moi grande, fomos ao mar con unhas condicións que non eran as máis axeitadas para que á xente non lle faltara o peixe fresco, e non lle vai faltar! Gustaríanos que valoren isto e o paguen un pouco máis. Non me refiro á xente de a pé, que ao final fai o que pode, tampouco creo que estean para tirar cohetes; refírome a praceiras e exportadores, todos eses si que podían facer un pouco máis e pagalo máis. Á xente de a pé unicamente dicirlles que non tiren tanto de peixe conxelado ou marroquí, os marroquís non nos dan nada, quen dá é a xente de aquí que vai ao mar buscar o peixe.”
E: “debíanlle de dar importancia, xa non só ao sector pesqueiro, senón tamén á agricultura ou á gandería. A nós que nos axudaría moito? Agora xa me dirixo aos políticos, máis cota de peixe. Se houbera máis, facturabas moito máis diñeiro ao ano e movíanse máis postos de traballo. E xa non falo de agora co que está pasando, que isto xa ven de antes.”
Fe: “A ver si remontamos esta situación. Solo dicirlles a todos e todas (eu incluído) que, despois de que isto comece a abrirse, que intentemos apoiar aos noso sectores nacionais, do que sexan. Se podo comprar uns zapatos na zapatería do barrio, non vou a unha gran área. Se hai peixe, carne, froita e patacas de aquí, hai que consumir o produto de aquí. Temos que apoiarnos uns aos outros.”