Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP impulsará a inclusión das persoas con diversidade funcional a través do programa Tanza

 

·       Os GALP participantes presentaron a iniciativa conxunta nunha videoconferencia coa conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana.
 
·       Os vindeiros días celebraranse xornadas de divulgación que axudarán a establecer novos contactos e vías de colaboración entre os entes do ámbito do mar e as entidades de inclusión social.
 
Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur acaba de presentar o proxecto “Tanza: inclusión social, sector pesqueiro, economía circular” xunto cos outros GALP galegos que forman parte da iniciativa. Con esta actuación impulsarase a inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional no sector do mar.
 
A proposta deuse a coñecer a través dunha videoconferencia na que estivo a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, así como representantes do Golfo Ártabro Sur e dos outros GALP que conforman a acción: Golfo Ártabro Norte, Mariña – Ortegal, Costa da Morte, Costa Sostible e Ría de Arousa.
 
A iniciativa permitirá establecer sinerxías entre os diferentes entes do ámbito do mar e entidades de inclusión social, incrementando a empregabilidade das persoas con diversidade funcional. O proxecto tamén servirá para concienciar ao sector pesqueiro en materia medioambiental.
 
Nos vindeiros días comezarán a celebrarse as xornadas de divulgación que axudarán a establecer novos contactos e oportunidades dentro deste campo. Nesta fase inicial tamén se analizarán as mellores vías de colaboración atendendo ás necesidades do sector.
 
A iniciativa aprobouse no marco da convocatoria 2020 de axudas dirixidas a programas de cooperación interterritoriais e transnacionais dos GALP no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e conta cun investimento de máis de 108.700 euros.