Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

As confrarías do Golfo Ártabro Norte reúnense na sede do GALP para falar da presentación de proxectos na próxima convocatoria do programa de axudas.

Reunión Confrarías de Pescadores GALP Golfo Ártabro Norte

 

 

Co mes de marzo á beira, reuníronse o mércores día 22 na sede do GALP os patróns maiores e técnicos das confrarías do Golfo Ártabro Norte.

Participaron na reunión as confrarías de Barallobre, Ferrol, Miño, Mugardos e Pontedeume. Esta reunión, que se enmarca no proxecto de dinamización do sector pesqueiro que está impulsando o GALP, serviu para poñer de manifesto a necesidade de promover iniciativas conxuntas que dean respostas ás problemáticas que está sufrindo nesta zona costeira.

Unha das principais problemáticas é o descenso pronunciado dos recursos marisqueiros, que está afectando á obtención de rendas no conxunto das confrarías. Neste sentido, apréciase unha importante mortandade dos recursos e problemáticas para a súa rexeneración, o cal fai que o sector estea preocupado por analizar e investigar cales poden ser as posibles causas que provoquen esta situación.

Tras unha exposición de proxectos exemplificadores doutras confrarías, financiados no marco dos GALP, realizouse un amplo debate para xerar ideas de proxectos que se poidan impulsar na zona.

Unha das principais liñas de traballo é á relacionada coa mellora da loxística e a comercialización dos produtos. Tamén se comentou a idoneidade de promover actuacións que melloren as infraestruturas das confrarías, que supoñan unha mellora nas condicións de traballo para o sector. Por outra banda, sería interesante realizar un estudo sobre o medio mariño das rías da zona, para poder diagnosticar os factores que están afectando aos recursos pesqueiros.

A obtención de semente tamén é moi importante, co cal se podería valorar a posta en marcha de proxectos que contribuísen a este fin.

Tanto a nivel de patróns como dende o persoal técnico, fíxose unha valoración moi positiva da reunión desenvolta, sobre todo para afinar e clarificar aspectos importantes para a presentación de proxectos na próxima convocatoria do programa que axudas, que finaliza o día 1 de marzo.