Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Escolares do Golfo Ártabro Norte coñecerán o traballo da pesca e do marisqueo dentro da propia ría

Varios grupos de 3º a 6º de primaria falarán cos mariscadores dende os propios kaiak

Estanse a ultimar as primeiras accións do programa ONDAS DE ILUSIÓNS – ESCOLAS DO MAR, que xa vai pola súa III Edición. 

Trátase dunha campaña escolar de sensibilización que ten como obxectivo o coñecemento do medio mariño e os recursos pesqueiros, a pesca sustentable, a contaminación dos plásticos no mar o cambio climático e a biodiversidade entre o alumnado de primaria.

Vendo a ría dende dentro e observando como se extrae o marisco

As próximas accións Terán lugar dende a Praia de Cabanas, os días 11, 12 e 13 de xuño e o 18 de xuño dende o Peirao de Miño, a partir das 10.00 horas, coa participación do CEIP Plurílingüe Os Casais (Fene); CPI A Xunqueira (Fene), CEIP Manuel Masdías (Ferrol) e CEIP Couceiro Freijomil (Pontedeume).

Nesta primeira quenda, perto de 200 nenos e nenas de entre 9 e 12 anos realizarán unha travesía en kaiak polo Río Eume, e as rías de Ares e Betanzos; continuando o programa durante o mes de setembro e estando aberto aos 36 centros públicos de Educación Infantil e Primaria dos 10 concellos do Golfo Artabro. 

Para solicitar máis información sobre o resto de actividades e realizar as reservas, pódese contactar a través do e-mail ondadeilusions@gmail.com ou contactar no teléfono 633074271. Tamén se pode consultar a información e descargar a documentación para adherirse ao programa na páxina web www.ondasdeilusions.es

ONDAS DE ILUSIONS está enmarcada no plan de acción relativo ao desenvolvemento da Estratexia de desenvolvemento local participativo do Golfo Artabro Norte, en concreto na medida "Apoio a proxectos educativos inmersivos relacionados coa cadea de valor, coa participación dos profesionais do sector".

Deste modo, o proxecto conta coa colaboración  das Contrarías  de  Pontedeume e Miño, que explicarán ao alumnado o seu traballo diario e as especies que recollen. Así, os escolares terán ocasión de ver faenar ás mariscadoras a pé e en embarcacións, vendo como extraen cos raños as ameixas, talarán con elas e verán o produto que entra a media mañá para a súa pesaxe e venda no peirao.

Dende o GALP do Golfo Artabro Norte salientan que este ano desexan potenciar as actividades naúticas da contorna e o deporte base, seguindo tamén a liña de actuación relativa ao xurdimento dunha oferta turística completa e de calidade vinculada á actividade mariñeira e a medida "Promoción de actividades recreativas e deportivas acuáticas e subacuáticas." 

Así o Clube Deportivo Naútico de Miño e o Clube Cabanas KDM serán os encargados de ensinar aos nenos e nenas a riqueza do patrimonio natural da ría, realizando paradas na cala de auga cristalina Amieiras (para os grupos de Cabanas) e coñecendo as características das mareas e o ecosistema da zona, con hábitats diferentes, as matogueiras, as pseudoestepas gramíneas ou os bosques aluviais. Tamén coñecerán e diferenciarán os distintos tipos de gaivotas (escura, chorona, patiamarela), o corvo mariño, a garza, a garzota, a píllara, o picapeixe... e a flora do lugar, chopos, pirixel e alhelí de mar, etc. e integrarase no Espazo Natural de Interese Local Esteiro do Río Baxoi (no caso do grupo que navegará dende o peirao de Miño).

Paralalamente ás saídas en kaiak, que se organizarán en pequenos grupos para poder realizar uns itinerarios guiados e informativos, o alumnado participará nuns obradoiros de carácter medioambiental, guionizados por pedagogos, no que os rapaces e rapazas adquirirán consciencia do tamaño real do problema e coñecerán algúns recursos imprescindibles para darse contado impacto real das nosas vidas no planeta, así como tamén aprenderán algunhas ferramentas que posibilitarán a transición a un modelo máis sostible. 

Aprenderán conceptos como sostibilidade, eficiencia, límites biofísicos, pegada ecolóxica, mochila ecolóxica, estimando o impacto que tén a súa propia pegada ecolóxica  e  poderán comparalo coa pegada dos seus compañeiros e compañeiras.

A pegada ecolóxica e cómo afecta ás nosas praias

Coñecerán os problemas socioambientais aos que nos enfrontamos e tamén as consecuencias dos mesmos. A contaminación das augas, a acumulación de lixo, os proxectos urbanísticos, etc, teñen un impacto no medio natural mariño e as nosas costas.

Xincana de reciclaxe

Xogo por equipos que consistirá en clasificar resíduos. A xincana constará de varias accións, nas que os equipos porán a proba non só os coñecementos sobre reciclaxe senón tamén a súa habilidade, motricidade, traballo en equipo...

Construción dun pasteurizador solar

Para materializar a aprendizaxe anterior, e facendo uso de materiais de refugallo (cartón, aluminio, periódicos, botes de plástico, etc), elaborarán un pequeno pasteurizador, qué é fundamental para lugares do  planeta que non teñen acceso a auga potable, pois con moi poucos recursos podemos eliminar os organismos presentes na auga a través da enerxía do sol.

Mostra dun forno solar

Ademais, ensinaremos un forno solar elaborado por nós con materiais de refugallo, e explicaremos o seu funcionamento.