Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

GALP Ría de Pontevedra entrevista ao Xerente do CCA Estrela de Marín no marco da campaña #QuedaCoNosoMar

Dende o GALP Ría de Pontevedra conversamos co xerente do Centro Comercial Aberto Estrela de Marín, Yonathan Carreira, para coñecer o impacto da Covid-19 no comercio local e as estratexias que se están artellando para garantir a seguridade de comerciantes e persoas consumidoras.

- Como afrontou o Centro Comercial Aberto (CCA) Estrela de Marín a situación provocada pola Covid-19?

Dende o CCA Estrela de Marín, estivemos dende o primeiro momento ao carón d@s nos@s asociad@s, prestando asesoramento. Primeiro resolvendo dúbidas no tocante ás actividades que se consideraban esenciais, despois asesorando no tocante aos ERTE e ás Prestacións por Cese de Actividade, logo informando das liñas de financiamento dispoñibles (ICO e IGAPE) e agora prestando información sobre o proceso de desescalada. Durante o confinamento, a información que recibiron os establecementos asociados foi constante e atendéronse as suxestións e inquedanzas a calquera hora e día, xa que dende a xerencia, marcámonos a máxima de que durante o confinamento tódolos días eran luns e había que estar ao carón do tecido asociativo, máis ca nunca.

Tamén confeccionamos un vídeo que obtivo máis de 5.000 reproducións ao que chamamos #volverei, no cal varios dos asociados lanzaron a mensaxe aos clientes de que sempre estiveron e seguirán estando aí.

Independentemente deste traballo de asesoramento, en todo momento lle fixemos chegar ás administracións (sobre todo á local) varios escritos nos que se demandaban medidas para intentar mitigar os efectos desta pandemia que nos tocou, por desgraza, vivir. Neste senso, solicitamos xa desde o 15 de marzo a exención de varias taxas e impostos (lixo, auga, ocupación de vía pública de mesas e cadeiras para hostalería). Moitas das medidas que se tomaron dende o Concello de Marín foron achegadas por nós en diferentes escritos dirixidos á Alcaldía e tamén nun dossier que lle fixemos chegar o 17 de abril, no cal se propoñían medidas económicas e de incentivación comercial. En todo o momento, dende o CCA Estrela de Marín, puxémonos a disposición do goberno municipal para traballar conxuntamente. Seguimos pensando, que temos que remar todos/as xuntos/as na mesma dirección. Despois de 15 anos, somos un referente para moitos dos CCA da comunidade pero na nosa vila non estamos recoñecidos, xa se sabe “ninguén é profeta na súa terra”.

- A casuística de cada negocio e cada sector é diferente, o CCA consta de máis de 150 establecementos asociados, agora que entramos na Fase 1, cales decidiron abrir e cales permanecen pechados?

Efectivamente ao ser unha asociación multisectorial, cada negocio ten as súas particularidades. Durante a Fase 0 tivemos abertos a un 15% de establecementos comerciais, ao 50% dos salóns de peiteado; todos eles con citas previas e despois houbo establecementos que non pecharon en ningún momento, xa que as súas actividades tiñan a consideración de esenciais (alimentación, xestorías, aseguradoras). O resto de establecementos, aproveitaron esta fase para preparar os seus locais no tocante ás medidas de hixiene e seguridade.

Dende o luns 11 entramos na Fase I e xa temos aos establecementos (moda, calzado, deportes, xoierías, salóns de peiteado) abertos ao 100%, con limitacións de aforo (30%) e respectando en todo o momento as recomendacións e obrigas das autoridades competentes na materia.

No tocante á hostalería, a día de hoxe temos o 25% dos establecementos traballando coas terrazas. Para este sector, o que fixemos -ademais dos mencionados EPI- foi dotalos de salvamanteis dun só uso e habilitamos a opción de dixitalizar as súas cartas e crearlle códigos QR, para que os clientes simplemente cun dispositivo móbil ou tablet, dispoñan de toda a información do local.
- É posible que algúns dos negocios non volvan a abrir as súas portas?

Nestes momentos non temos comunicación de que ninguén d@s nos@s asociad@s non volva abrir.

- Centrándonos na hostalaría e aqueles outros negocios que dependen do produto do mar para a súa reactivación, como están vivindo esta fase?

Como comentaba, nestes intres no sector da hostalaría só o 25% está traballando e fano sobre todo cafeterías e cervexerías. O resto do sector agarda á Fase 2 (25 de maio) e incluso á Fase 3 para comezar a traballar pero con moitas incertezas. As autoridades teñen que estar moi vixiantes nesta Fase I de que se cumpra coa normativa vixente, xa que un paso mal dado nestes intres, pode supoñer voltar ao punto de partida. Desde aquí facemos un chamamento a todos para actuar con responsabilidade.

- Un dos principais retos do comercio local será trasladar confianza aos consumidores para que teñan a seguridade de que poden acudir aos establecementos coas máximas garantías. Neste sentido, que accións e/ou medidas tomáronse desde o CCA Estrela de Marín?

Neste caso o que buscamos dende a xerencia do CCA Estrela de Marín é trasladar unha imaxe de comercio seguro. En primeiro lugar, pensando na saúde d@s nos@s autónom@s e dos seus empregados; e en segundo lugar que os clientes, que deciden achegarse a facer as súas compras, se sintan seguros. Para acadar este obxectivo, entregamos a todos os negocios máscaras reutilizables testadas, compostas de tecido TNT dupont sontara, que se poden lavar ata 5 veces a 60º. Temos que agradecer á empresa marinense Marané Moda Infantil que de xeito altruísta fabrica estas máscaras para os comercios de Estrela.

Ademais, tamén temos á disposición dos negocios que teñen un contacto máis directo cos seus clientes (perruquerías, centros de fisioterapia, ópticas) batas coa mesma composición. Agradecemos tamén ao establecemento Mercería Labores & Patchwork, a donación dunha bobina de tela TNT de 150 metros para poder continuar coa fabricación de máscaras.

Puxemos tamén a disposición de todos os asociados, xel hidroalcohólico para colocar na entrada dos seus establecementos e que os clientes poidan usalo.

Ademais os establecementos do téxtil, habilitaron zonas de corentena no caso de que os clientes proben as prendas e finalmente non decidan mercalas. Deste xeito, a prenda pasa por un proceso de desinfección e mantense durante 48 horas neste espazo, ata que volve ao seu lugar habitual.

Por último, aos asociados tamén se lles entrega un cartel para colocar en zonas visibles, no cal se informa das recomendacións a seguir por parte dos clientes e das medidas que se aplican no negocio.

É fundamental transmitir a mensaxe de que o comercio local é un comercio seguro e nesa liña estamos a traballar.

- Manter os niveis de hixiene esixidos e traballar con máscara ou EPI, coas luvas, tendo conta de limpar as mans... Resulta complexo adaptarse ás novas medidas?

Nos primeiros intres, resulta complexo. Moitos/as comerciantes, coméntannos que lles crea ata ansiedade traballar cos EPI, pero temos que adaptarnos todos e todas á nova realidade e, sobre todo, témolo que facer pola nosa saúde e pola dos nosos clientes.

Para o comercio de proximidade non poder traballar a cara descuberta é un hándicap xa que un dos nosos puntos fortes é o noso trato directo, a nosa proximidade. Un sorriso, en moitas ocasións, pode decantar unha compra. Temos que afacernos do mellor xeito ao novo paradigma.

- A Covid19 paralizou a práctica totalidade do comercio de proximidade pero, ao mesmo tempo, supuxo un auxe para as compras por internet. Crees que chegou o momento de que o pequeno comercio comece a mirar as TIC con outros ollos?

As compras por Internet non son algo novo. Agora ben, é certo que durante o confinamento os negocios que contaban con web de venda online, era a única canle pola cal podían vender algo. Tradicionalmente, o comercio de proximidade veu Internet coma un inimigo pero esa percepción ten que mudar dunha vez por todas. Os comercios que queiran sobrevivir, terán que optar pola omnicanalidade para mellorar a experiencia do cliente e coñecer de primeira as súas suxestións. É unha maneira de obter ese feedback, tan necesario.

- Dende o CCA Estrela de Marín valorades apostar polas vendas a través da web e dar servizo a domicilio levando a compra ata o consumidor?

Efectivamente. Xa era unha dos proxectos que tiñamos para este 2020 pero o Covid-19 axilizou o proceso. O ano pasado quince comerciantes estiveron formándose en plataformas de venda online (Woocommerce e Prestashop), coa idea de lanzar este ano a nosa plataforma. Agardemos que poidamos facelo pero necesitamos remar todos na mesma dirección.

- Cales son as vosas sensacións para os próximos meses? E as estratexias?

As sensacións son contraditorias. Dependemos dun factor que non podemos controlar, como é un virus que nos pillou a todos co pé cambiado. A estratexia a curto prazo pasa, fundamentalmente, por transmitir seguridade e por facerlle ver ao comercio de proximidade a importancia do mundo asociativo, xa que lles posibilita unha fórmula para poder loitar nun mercado cada vez máis competitivo, e non morrer no intento. É fundamental deixarse de individualismos. Nós temos claras as estratexias e agardemos que nos deixen levalas a cabo. Temos experiencias no noso concello, de perder algún tren que outro, chamado Fondos Europeos. Polo ben do tecido comercial é primordial escoitar aos interlocutores válidos e representativos do sector que son os que conviven día a día cos e cas comerciantes e, no caso, levámolo facendo máis de 15 anos. Aínda que sexa de oído, algo da música saberemos.

Nestes novos tempos que nos tocan vivir, a economía colaborativa, circular o 360, resultará fundamental. Os establecementos que intenten ir á guerra de xeito individual, non poderán perdurar no tempo. Os hábitos de compra mudaron por completo é agora hai que escoitar ao cliente.

- O mar é importante para a economía da zona. Cal pensas que é a súa achega máis importante para a contorna da ría de Pontevedra e o tecido socioeconómico?

A importancia do mar, na nosa vila está fóra de toda dúbida. Estamos a falar , dunha vila mariñeira na que a pesca é a actividade principal. O noso porto pesqueiro é moi importante tanto a nivel rexional como a nivel nacional, xa que está situado de forma privilexiada dentro das rutas do Atlántico o que lle propiciou un puxante crecemento económico.

No referente ao noso Centro Comercial Aberto, a Praza de Abastos ten un papel fundamental xa que consideramos o mercado coma un punto de encontro, para nós é o centro neurálxico da vila. Agardemos que nun breve espazo de tempo, a nosa praza poida contar co selo de “Mercado de Excelencia” e facemos un chamamento ao Concello para que faga as xestións pertinentes para solicitalo novamente, máis cedo ca tarde.