Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Conservas Currimar achega a súa testemuña no marco da campaña #QuedaCoNosoMar #QuedaConNuestroMar

Nieves Medina, de Conservas Currimar

 

“Traballamos a un ritmo máis lento, pero sairemos adiante e falaremos desta pandemia con talante histórico”

Como afronta Conservas Currimar a situación provocada pola Covid-19?

Ao principio mantivemos a produción mentres tiñamos pedidos pendentes e tamén para facer certo stock. Dende o primeiro momento establecemos un decálogo de recomendacións, extremando as medidas de seguridade en canto a limpeza. Afortunadamente, somos poucas traballadoras e podemos manter distancias de seguridade e ter un maior control. Neste momento paramos a produción cando non hai necesidade e aproveitamos para darlle un respiro á nave e a nós mesmas.

Aínda así seguides traballando a diario.

Si, continuamos traballando, pero con redución de xornada, só polas mañás. Os pedidos saen con normalidade e chegan entre 24 e 48 horas ao seu destino. As axencias de transporte están facendo un bo labor. E estamos atendendo con plena normalidade. Se detectamos que pode haber unha rotura de stock, facemos unha semana de produción intensa.

Dado que traballades no ámbito da conserva seguramente tedes algo de demanda, pero non na mesma proporción que antes.  

Somos unha empresa de alimentación atípica, porque comercializamos un produto gourmet, que non ten a mesma demanda que produtos de primeira necesidade. De feito, as vendas reducíronse. Unha das principais razóns é o peche temporal do sector da restauración e hostalería. Tiñamos un mercado en gastrobares e empresas do sector, que agora están pechadas, polo que funcionamos a un ritmo máis lento.

Se tiveras que destacar a importancia do consumo de produtos do mar, que lle dirías á cidadanía?

Ofrecemos un produto estéril, é dicir, libre de microorganismos. Elaborase cun proceso de calor, que fai desaparecer a posible presenza do virus. Ademais, a conserva leva peixe, que é necesario para obter a vitamina D da que tanta carencia temos durante o confinamento.

Durante este tempo ofrecedes unha boa idea, o menú confinamento. En que consiste?

Elaboramos o menú confinamento, que varía para cada día da semana. A idea xurdiu dun encargo dunha clienta e decidimos estendela a outras persoas, sobre todo para aquelas persoas maiores que viven soas e teñen poucas opcións de cociñar ou para xente moza. É unha proposta para gozar dun produto san como o peixe, e facelo de forma áxil. E son produtos que soportan moi ben a temperatura ambiente e aos que se pode recorrer durante meses.

Como vedes a perspectiva para os próximos meses?

O horizonte non parece moi bo. Todo o mundo está decaído. Unha vez que finalice o confinamento seguramente haberá que seguir afrontando un problema económico, que se suma á incertidume nestes días, que a veces é peor que a crise aberta, porque impide planificar gastos. Porén, creo que sairemos adiante e falaremos desta pandemia con talante histórico.