Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

"Dende o Museo Mares de Cedeira procuramos poñer en valor o traballo da xente do mar, xa que é a caixa forte onde se garda todo o patrimonio pesqueiro" #QuedaCoNosoMar #QuedaConNuestroMar

 

José A. Rodríguez (José de Vigo), Secretario da Asociación Mares de Cedeira, entidade xestora do Museo Mares de Cedeira

 

“Na situación provocada pola Covid-19 moita xente está descubrindo a relevancia que ten o sector do mar”

 

Nestes intres o Museo Mares de Cedeira, que xestiona a Asociación, está pechado, verdade?

Si, está temporalmente pechado desde o inicio do estado de alarma a mediados de marzo. Abriremos en canto nos autoricen.   

O voso traballo non consiste en achegar produtos do mar pero si en poñer en valor ese labor e de centos de persoas que viven deste sector. Dende a Asociación, que vos gustaría destacar nestes momentos sobre ese importante traballo de pescadores e mariscadores?  

A xente do mar debería ter un maior protagonismo, equiparable ao da xente de profesións terrestres. Desde o museo procuramos sempre poñer en valor ese traballo, porque somos a caixa forte onde se garda todo o seu patrimonio pesqueiro. O pobo de Cedeira naceu do mar e, por tanto, somos os depositarios da súa historia e tradición. E de feito, estamos implicados absolutamente, xunto co Concello e a Confraría de Cedeira, en difundir esa relevancia.

Cal é a vosa principal misión como Museo?

Somos unha asociación sen ánimo de lucro, que é socia do GALP A Mariña-Ortegal, e forma parte da Rede de Museos Atlánticos e da Rede Galega de Museos, é dicir, somos un Museo que está decidido a dar notoriedade ao patrimonio pesqueiro dos homes e mulleres do mar. Temos unha implicación enorme cos centros escolares, para que os nenos e nenas coñezan o que viviron os seus antecesores e poidan conversar cos seus pais e avós sobre estes aspectos. E tamén para que poidan levar a cabo o relevo xeracional. Cedeira naceu do mar. A agricultura sempre era unha actividade de subsistencia e autoconsumo, pero o mar non só daba alimentos, senón algo de cartos para comprar outros bens alleos ao mar. E esa é a nosa misión, poder contarlle á xente de onde nacemos e, ao mesmo tempo, facer unha homenaxe coas nosas exposicións e coleccións aos mariñeiros da vila, que foron os que levantaron o pobo.

E, no contexto actual, outro dos obxectivos é concienciar sobre a parte que o mar ten na cadea de alimentación e de benestar social.

Coa situación provocada pola Covid-19 hai moita xente que está descubrindo todo o valor que achega o sector primario, no que o mar é unha das actividades destacadas. E, en gran medida, debémoslle á xente do mar parte do noso benestar, pois, se nos faltan, non comemos.

E cómo valora a conxuntura do mercado?

A caída de prezos de produtos como a pescada, que se vende a pouco máis de 1,5 euros o quilo na lonxa, non fai ningún favor ao sector, que sae a pescar ás tres da mañá ata as sete da tarde, un día tras outro.

Precisamente como apunta, moita xente está indo ao mar por responsabilidade e mesmo por solidariedade.

Xustamente é iso. Ademais, hai que pensar outra cousa. Debido ao peche do sector da restauración e da hostalería, moitos dos pescadores e mariscadores de Cedeira, e tamén doutras zonas, teñen que vender os seus produtos directamente a grandes distribuidoras ou nos mercados de abastos, polo que o seu espazo de compradores está reducido en máis dun 70%, por iso baixan tanto de prezo determinadas especies, como a pescada.

Como ve os próximos meses?

Das situacións de crise hai que sacar experiencias e cousas boas e confiemos que isto tamén sexa válido para o sector do mar e valoremos máis o seu labor a partir de agora.