Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

"O sector do mar é imprescindible e fixo un grande esforzo durante a cuarentena para traer o peixe a terra". Testemuña da Xerente da Asoc. Centro Comercial Histórico de Viveiro e Secretaria do GALP A Mariña-Ortegal, para a campaña #QuedaCoNosoMar

Isabel Méndez, Xerente da Asociación Centro Comercial Histórico de Viveiro 

 

Desde a Asociación vivides directamente a relación co mar, non só por ser dunha vila mariñeira, senón tamén polos vosos asociados que teñen negocio vencellado a este sector.

Si, así é. Entre as nosas empresas asociadas, ademais dos propios supermercados, que teñen un vínculo directo cos produtos do mar, temos unha peixería e unha tenda náutica.

Como están vivindo a situación?

Temos contacto directo e diario con todos os negocios que forman parte da Asociación. A peixería trasladounos que non deixaron de traballar en ningún momento desde que se decretou o estado de alarma. Ao principio notaron unha grande baixada das vendas, non se vendía nin a metade dun día normal. Nas primeiras semanas a xente teña medo e incerteza e mercaba en superficies máis amplas para evitar o maior número de saídas. Porén, posteriormente a situación foise recuperando e o pequeno comercio xa aumentou pouco a pouco as vendas.

Na fase de desescalada é posible que outros negocios, como a tenda náutica, por exemplo, pensen en abrir.

A partir deste luns 11 de maio xa tiñan permitida a apertura. Nós repartimos un kit con material de prevención, que inclúe máscaras, luvas e ata xel hidroalcólico, para que puideran facelo. Negocios como esta tenda de náutica xa viñeron a recollelo porque querían abrir esta semana. No caso da hostalaría son poucos os que por agora se achegan ata aquí, xa que non contan con abrir ata, polo menos, o 28 de maio.

Precisamente a hostalaría depende do produto do mar e é vital para a reactivación de certas actividades, como o marisqueo.

Si, efectivamente. Aquí abriron tres locais que teñen suficiente terraza para ter mesas que manteñan as distancias de seguridade. Pero a outros establecementos non lles compensa abrir por dúas mesas, por exemplo. E na zona do casco histórico non hai grandes espazos para amplas terrazas.

Por qué é tan importante o sector do mar para a nosa economía e benestar?

Creo que neste contexto de pandemia comprobamos o importante que é o sector primario, no que se integran as actividades do mar. Sen eles, a economía non funciona. O mar é imprescindible. En plena corentena seguían saíndo os barcos e os seus traballadores expoñéndose a posibles contaxios, porque non había distancias de seguridade óptimas nin todos os medios de prevención. Estaban arriscando as súas vidas. Ademais de ser imprescindible o seu labor, traballaban moitas horas desde moi cedo para logo vender na lonxa o produto a prezos que non lles compensaban. Fixeron e fan un grande esforzo para traer o peixe a terra. Isto é un círculo. Sen o sector primario e o mar, o círculo non funciona.