Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

OS GALP PROMOTORES DO PROXECTO TANZA ASISTEN A UN ENCONTRO NO LABORATORIO DE PLÁSTICOS DO CAMPUS DE ESTEIRO DA UDC

  • Co propio Laboratorio, a EUDI e o reitorado e vicerreitorado da UDC como anfitrións, a xuntanza congregou a representantes das entidades do sector pesqueiro e da inclusión participantes en Tanza dende O Grove ata Ribadeo respectando todos os protocolos sanitarios
  • A xornada contou tamén coa participación de Rosa Quintana e Susana Rodríguez -Conselleira e Directora Xeral do Mar- así como de Fabiola García -conselleira de Política Social-                                                                     

19 de maio de 2021.- O Laboratorio de Plásticos do Campus de Esteiro da UDC foi hoxe anfitrión dunha xornada de posta en común do Proxecto Tanza, que pechou cunha visita polas instalacións do centro. Á reunión asistiron representantes das entidades do sector pesqueiro e da inclusión participantes do proxecto nos territorios dos seis GALP promotores. Contou tamén coa participación de Rosa Quintana -Conselleira do Mar-, Fabiola García -Conselleira de Política Social-, Susana Rodríguez -Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro-, María Jesús Movilla -Vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC-, José Ramón Méndez -Director da Escola Universitaria de Deseño Industrial- e Ana Isabel Ares -Directora do Laboratorio de Plásticos-LabPlast-.

 

O Proxecto Tanza continúa a súa andaina en favor da dinamización de iniciativas de cooperación entre o sector pesqueiro e o da inclusión, mediando en proxectos amparados na economía circular. No marco de Tanza xurdiron varias ideas que solicitan o apoio do programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no que os GALP colaboran na xestión coa Consellería do Mar. En moitas delas o aproveitamento e valorización dos refugallos plásticos e a atención ás problemáticas ambientais das zonas costeiras e o medio mariño, son o principal fío condutor dos proxectos que se promoven.                   

 

Revalorización do lixo mariño

Na xuntanza expuxéronse as principais liñas de traballo de Tanza, que se centran na posta en valor dos refugallos plásticos e en converter o lixo mariño das nosas augas en obxectos útiles para o sector. A aposta do proxecto insiste en valorizar os refugallos mariños dende a cooperación coas entidades de inclusión social ao tempo que se reduce o lixo nas rías galegas, promovendo a pesca sostible.   

 

Co gallo disto, artellouse esta sesión no Laboratorio de Plásticos, que será de gran axuda para os promotores de iniciativas en todos os territorios, xa que na sesión expúxose ás e aos asistentes o funcionamento das máquinas de tratamento de plásticos baseadas no Precious Plastic, que sirve de fío artellador en moitos dos territorios.

 

Tanza en cifras

Tal e como se explicou na reunión, dende o comezo do proxecto, realizáronse máis de 90 reunións de traballo nas zonas costeiras participantes (A Mariña-Ortegal, Costa da Morte, Golfo Ártabro Norte, Golfo Ártabro Sur, Costa Sostible e Ría de Arousa) e forman parte del máis de 180 entidades -máis de 50 do ámbito pesqueiro- entre confrarías, asociacións e entidades sectoriais. Implicáronse tamén máis de 20 concellos e asistiron máis de 350 persoas ás reunións de acompañamento, cun alto porcentaxe de participación feminina.

 

Visita ao LabPlast

Tras as ponencias iniciais, os e as asistentes fixeron unha visita guiada polas instalacións do Laboratorio, acompañada das explicacións da súa directora e outra das técnicas do centro. Os grupos artelláronse en dúas quendas de dous grupos en cada quenda para respetar en todo momento as distancias de seguridade e as medidas sanitarias específicas derivadas da crise da covid; O primeiro grupo da primeira quenda estivo composto da delegación institucional e o resto organizáronse por territorios, nomeadamente A Mariña-Ortegal e Costa da Morte, Golfo Ártabro Sur e Norte, seguidos de Costa Sostible e Ría de Arousa.