Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

After Surf, o proxecto financiado polo GALP que combinará deporte, gastronomía e mar

 

  • A iniciativa permitirá crear en Oleiros un complexo turístico que combine unha escola de deportes náuticos, un restaurante e un aloxamento.

O proxecto After Surf está a piques de convertirse nunha realidade. A iniciativa, financiada polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur, permitirá crear un complexo turístico en Oleiros no que se combine un restaurante, unha pensión e unha escola de surf. Un proxecto único no territorio do Golfo Ártabro Sur.

O complexo After Surf ofrecerá aloxamento, alimentación saudable, deporte, natureza e ocio. As súas instalacións contarán cunha pensión cun total de 27 prazas, que acollerá ás persoas que participen nas diferentes actividades náuticas, así como aquelas que queiran gozar dun emprazamento ideal no Golfo Ártabro Sur. Tamén disporá dunha cafetería – restaurante na que se ofrecerán produtos do mar de proximidade, impulsando a súa posta en valor. Á súa vez, as instalacións tamén contarán cunha escola de deportes náuticos con espazo adaptado para as persoas con diversidade funcional. O centro terá baños e vestiarios ademais dunha zona cuberta ao aire libre para facer distintos exercicios. O alumnado contará con todo o material necesario para realizar as actividades que se levarán a cabo nas praias de Oleiros e Arteixo.

Coa iniciativa, o GALP busca impulsar o crecemento económico no territorio, crear emprego, concienciar sobre o medio mariño e sobre a necesidade de conservalo, así como impulsar a inclusión social e crear sinerxías na comunidade costeira. Unha forma de diversificar a economía local e sentar as bases dun novo modelo de turismo que reducirá a estacionalidade e que se vencellará ao lecer. O proxecto conta cun orzamento total de 510.896,25 euros e está previsto que se poña en marcha de cara a finais deste ano.