Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Diferentes GALP de Galicia presentaron onte proxectos para mellorar a inserción laboral das persoas con diversidade funcional

·       A xornada “Un mar de oportunidades laborais” deu a coñecer os avances que se están a realizar para impulsar a empregabilidade destas persoas.
·       O evento foi organizado polo GALP Golfo Ártabro Sur, que tamén presentou as accións que se levan a cabo no seu territorio.
 
Sada, 30 de outubro do 2019.- O Edificio de Servizos Múltiples de Culleredo acolleu onte a xornada “Un mar de oportunidades laborais”. Un evento adicado á empregabilidade das persoas con diversidade funcional. Nas conferencias presentáronse as vías e programas para a inserción laboral destas persoas no territorio do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur. Á súa vez, déronse a coñecer os proxectos que se están a realizar desde diferentes GALP de Galicia -en colaboración con entidades do seu territorio- en materia de inserción no mundo do mar.
 
A xornada, organizada polo GALP Golfo Ártabro Sur coa colaboración do Concello de Culleredo, dividiuse en tres bloques. No primeiro presentáronse os proxectos que integran boas prácticas en materia de diversidade funcional levados a cabo polos diferentes GALP. Este bloque contou cos relatorios de representantes do GALP A Mariña - Ortegal, Aspromor, GALP Costa da Morte, Aspaber, GALP Ría de Arousa, BATA e o GALP Ría de Pontevedra.
 
O segundo bloque centrouse na empregabilidade das persoas con diversidade funcional no ámbito do GALP Golfo Ártabro Sur, contando coa intervención de representantes de ASPANAES, FADEMGA e COGAMI. Neste apartado tamén falou Sergio Díaz, traballador con diversidade funcional que tivo éxito na súa inserción laboral.
 
Ao rematar houbo unha charla coloquio na que os asistentes puideron preguntar e debater sobre o tema, creando novas sinerxías e aportando ideas para novas accións.
 
Con estas xornadas “o que se busca é dar a coñecer os avances en materia de inserción laboral das persoas con diversidade funcional. Desde o GALP Golfo Ártabro Sur estamos comprometidos coas iniciativas que impulsan a inserción laboral destas persoas, e o que pretendemos con eventos como este e xerar novas vías de colaboración para seguir traballando”, explicou o xerente deste GALP, Federico López Viñas.