Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

“Nós seguimos a traballar coma de costume. Afectar afectounos nos prezos, porque o peixe non vale o que tiña que valer”

Emilio Méndez Gómez, presidente da “Confraría de Pescadores de Lorbé” en Oleiros (Coruña), tamén quixo participar nesta campaña de sensibilización e recoñecemento da xente do mar, aportando a súa visión da situación actual do sector. Comenta que para eles, en artes menores, a situación actual non é boa, pero tampouco é mala. O feito de non ter lonxa e evitar ese gasto, permítelles seguir a traballar coma de costume, aínda que, por suposto, vense afectados pola redución dos prezos do peixe.
 
1.       Cal é a situación actual do sector? E a vosa en concreto? Que vos din de outras cofradías?
A situación actual non é boa, pero tampouco é mala de todo no oficio no que andamos nós (artes menores). O prezo do peixe non é o que ten que estar levando, pero da para ir tirando, para ir quitando gastos de enriba.
 
2.       Como cres que afectou o COVID-19 ao sector? Como vos está afectando a actual situación de confinamento?
A nós afectar afectounos nos prezos, porque o peixe non vale o que tiña que valer, pero imos quitando un xornal e cubrindo gastos.
 
3.       Tedes algún caso de contaxio por COVID-19?
Non, na cofradía de Lorbé por agora non.
 
4.       Que medidas estades a adoptar para evitar os contaxios?
Temos mascarillas e guantes. Con guantes xa solemos traballar, pero a parte do guante co que traballamos habitualmente, agora temos tamén os guantes de plástico que imos cambiando cando acabamos a faena.
 
5.       Hai medo entre a tripulación? 
Aquí si, andamos con coidado, seguido coas mascarillas. Por un lado, coñecémonos todos e hai confianza, sabemos máis ou menos o que fai o outro, ninguén sae da casa agora mesmo, imos da casa ao choio e do choio á casa. Imaxino que é distinto cando andas con moita xente e non sabes a vida deles despois de saír do mar, igual se lles dá por andar por aí. Pero non é o noso caso, aínda así, andamos con moito coidado claro.
 
6.       Que diferencia hai entre cada tipo de frota de cara as medidas a levar a cabo?
Máis ou menos é o mesmo. A nós, por exemplo, a medida da distancia énos moi difícil cumprila. Temos un barquiño de 15 metros e somos catro homes. Hai manobras nas que temos que acercarnos. Pero en outros barcos, coma no cerco, imaxino que pasa igual. O problema máis grande é o da distancia. Da igual que o barco sexa pequeno ou grande, hai certos momentos nos que tes que estar cerca da outra persoa.
 
7.       En canto ás EPI´s, como é a situación para vos? Utilizades a diario, tedes dispoñibilidade, tedes falta, etc.?
Dende que empezou isto nós fomos tendo mascarillas e, agora, tamén nos dou a Xunta de Galicia. Tróuxonos o outro día á cofradía uns paquetiños para repartir. Non son moitos porque esas mascarillas creo que duran poucas horas, pero se lle fan mais falta aos sanitarios que llas dean que nós apañámonos. Ademais, eu penso que imos ter que ir afacéndonos a compralas nós mesmos ou a facelas na casa con tea, o que non se pode é estar esperando a que veña a administración a darchas.
 
8.       Que apoio e información estades a recibir desde as institucións?
A información é a que sentimos pola televisión. Despois as mascarillas como che comentaba si que as recibimos e, a semana pasada, veu un coche da Garda Civil e repartiu algo polo porto entre os mariñeiros que estaban, non estábamos en terra e non sei seguro.
 
9.       Estades a recibir algunha axuda de apoio a actividade dende estes? Axudas económicas?
Quitando o do ERTE, outro tipo de axudas que eu saiba non. Fálase de que nos van a retrasar o IVA e que Portos de Galicia tamén quere aprazar os pagos das chabolas, pero aprazar e nada máis. Non temos outras axudas.
 
10.   Como vos está a axudar a Concellería nisto?
Os políticos deberían arrimar máis o ombro, xuntarse e estar unidos para levantar o país e saír desta pandemia. Tiñan que deixar as ideoloxías a parte, cada un ten as súas e punto. En momentos destes tiñamos que tirar todos a unha.
 
11.   Que cres que se podería facer diferente/mellor ou deixar de facer para mellorar a vosa situación?
Unicamente mellorar os prezos do peixe, polo demais... Ao mar hai que vir! Eu son dos que penso que de axudas non se vive, temos que mirar nós de ganar o noso pan. Iso si, no tema dos prezos si que podían axudar.
 
12.   Tivestes que solicitar ou facer algún ERTE?
Nós non solicitamos ERTE. Creo que o pediu un barco porque estaba avariado pero tampouco estou seguro. Do resto da cofradía, ninguén o pediu, todo o mundo está saíndo ao mar.
 
13.   Estades a atoparvos con problemas para poder comercializar o produto? Encontrastes algunha outra saída para o peixe que se vendía directamente a hostalería, ou tedes algunha estratexia para poder colocar ese produto no mercado?
Nós vendemos na lonxa da Coruña e si que é un pouco máis difícil. Antes ías, deixabas o peixe, chegaban os compradores e miraban todo o peixe. Agora teñen que comprar po teléfono, a vendedora chama aos clientes e véndelle sen ver o produto, e non é o mesmo comprar o peixe véndoo que sen velo, se cadra non te arriscar a pagar tanto. Polo resto, no noso caso, é mesmo de sempre: chegas alí, deixas o pescado e os vendedores ao outro día xa miran de vendelo. Para os vendedores é diferente, ademais de polo que comentaba antes, porque tamén poden esta poucas persoas na lonxa, creo que son 20 ou 30 persoas, non sei exactamente.
 
14.   Cal e o peixe que está a ter máis saída nesta época? E cal era o habitual neste período do ano?
Nesta época a centola, o rodaballo (que é o que se está a coller) ou o lenguado. O problema de prezos está nestas pezas grandes, que o restaurante era quen chas pagaba ben. En cambio, agora, é o que menos se paga porque non hai restaurantes. Unha casa non vai comprar un rodaballo de 7 quilos, unicamente que sexa unha casa con moito poder adquisitivo ou que sexan moitos.
Vender séguese a vender todo o peixe igual, solo que non colle os prezos que ten que coller.
 
15.   Como vos está a afectar a redución no prezo do peixe?
Nós como collemos moita variedade de pescado, non o notamos tanto.
 
16.   A redución no prezo do peixe afecta a todas as especies? A cales afecta?  E a todos os tipos de artes?
Nestes que che comentaba está a gran diferencia. No resto do peixe tamén baixaron os prezos, pero non hai esa diferencia tan grande. En estes peixes grandes baixaron moitísimo, en cambio un pinto, unha faneca ou unha pescadilla, véndense a algo menos, pero tampouco é que se note tanto.
Nesta arte coa que andamos nós collemos, coma quen di, de todas as clases de peixes, en mais ou menos cantidade, dende unha sardiña ata un lumbrigante ou unha centola. Por iso digo que non nos afecta tanto. Non é coma o cerco que ten uns peixes específicos.
 
17.   Entendendo as perdas que supón está situación para o sector, como vos afecta no voso caso en concreto? Compensa saír para afrontar gastos?
Persoalmente, a min si. Non sei canto cobran co ERTE, creo que o 70%. Se tes gastos que pagar non chega a nada o que che poidan dar, hai que traballar.
 
18.   De seguir nesta situación, de que maneira vai a afectar ao subministro de peixe no mercado?
Non ha de haber falta de produto. Moitos barcos estamos indo ao mar e, os que están parados, empezarán a ir pronto, xa se empeza a ver máis movemento. A situación non creo que sexa fácil para ninguén e menos se estás parado, aínda que cobres algo do ERTE. Ao final os gastos hai que pagalos, aquí a seguridade social a final de mes e todos os impostos están vindo igual ca sempre.
 
19.   Como cres que evolucionará a situación nun futuro próximo?
Penso que vai ser duro, porque hai moita xente metida no paro e isto é unha cadea: se non hai traballo, non hai diñeiro e, se non hai diñeiro, non se gasta.
 
20.   Hai algunha medida ou punto que che gustaría facer dende xa, de cara a mellorar o traballo na vosa cofradía?
Nós non temos lonxa, entón isto tampouco nos afecta moito. Temos unha cota e, mentres os mariñeiros e armadores poidan pagala, non nos afecta en nada. Os que teñen lonxa si que teñen menos ventas.
 
21.   Cres que está a cambiar a forma en que a xente ve o sector pesqueiro?  
Debíanlle de dar moita máis importancia. Xa non só ao sector pesqueiro, senón tamén á agricultura ou á gandería. A nós que nos axudaría moito? En vez de ofrecer tantas axudas, darnos máis cota de peixe, porque se houbera máis cota, facturabas moito máis diñeiro ao ano e movíanse máis postos de traballo. O Goberno tiña que conseguir máis cota para España, que é o que da riqueza, e a xente apoiar isto.
 
Para rematar esta entrevista, Emilio tamén quere transmitir unha mensaxe, dende o sector, aos nosos dirixentes políticos: deberían esforzarse en conseguir máis cota para a pesca, para poder traballar máis. Se nos traballamos máis e pescamos máis, tamén producimos máis diñeiro e máis postos de traballo. Moitas fábricas cerraron por non ter abastecemento de peixe. Isto xa non o digo pola situación actual, isto xa ven de antes. Agora, co que estamos pasando, máis motivo de reclamar todo isto. Hai moitas clases e moita cantidade de peixe, non había que estar con cotas tan cortas.