Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP celebra en Culleredo dúas sesións informativas sobre o proxecto Tanza

  • Esta iniciativa de cooperación ten como obxectivo impulsar a inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional no sector do mar.
  • No encontro participaron representantes dos concellos de Cambre e Culleredo, de Aspanaes e de Asperga, así como o xerente do Golfo Ártabro Sur, Federico López.
Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur presentou esta mañá no seu territorio, en Culleredo, o proxecto “Tanza: inclusión social, sector pesqueiro, economía circular”.
Na xornada deuse a coñecer a iniciativa de cooperación que se leva a cabo xunto con outros GALP de Galicia e que ten como obxectivo impulsar a inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional no sector do mar. No encontro participaron representantes dos concellos de Cambre e Culleredo, de Aspanaes e de Asperga, así como o xerente do Golfo Ártabro Sur, Federico López.
A iniciativa permitirá establecer sinerxías entre os diferentes entes do ámbito do mar e entidades de inclusión social, incrementando a empregabilidade das persoas con diversidade funcional. O proxecto tamén servirá para concienciar ao sector pesqueiro en materia medioambiental.
No día de hoxe acollerase unha segunda sesión informativa ás 19:00 h tamén no conservatorio profesional de Culleredo. Este tipo de xornadas axudarán a establecer novos contactos e oportunidades dentro deste campo. Nesta fase inicial tamén se analizarán as mellores vías de colaboración atendendo ás necesidades do sector.
A iniciativa aprobouse no marco da convocatoria 2020 de axudas dirixidas a programas de cooperación interterritoriais e transnacionais dos GALP no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e conta cun investimento de máis de 108.700 euros.
No proxecto participan, ademais do GALP Golfo Ártabro Sur, o Golfo Ártabro Norte, Mariña – Ortegal, Costa da Morte, Costa Sostible e Ría de Arousa.