Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Golfo Ártabro Sur súmase á celebración do Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais 2022 da FAO

Serán doce intensos meses para recoñecer socialmente a importancia da pesca e da acuicultura artesanais

Coa proclamación de 2022 como Ano Internacional da Pesca e a Acuicultura Artesanais (AIPAA), a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO pola súas siglas en inglés) pide o respaldo para os pescadores artesanais a pequena escala, os acuicultores e os traballadores da pesca xa que, co seu traballo contribúen sobremaneira ao benestar humano, á recuperación dos sistemas agroalimentarios e á erradicación da pobreza.

Plenamente conscientes desta realidade, xa que unha importante porcentaxe da actividade do territorio do GALP Golfo Ártabro Sur está centrada no sector primario mar-pesca, sumámonos á celebración desta efeméride.

Ao longo deste 2022, todas as nosas actividades de difusión, dinamización e educación da entidade xirarán sobre este eixo central. Como reforzo ao seu programa de actividades, tamén se lle solicitou á FAO a tradución do logotipo oficial ao galego, que podedes ver na imaxe superior. ¡Pronto vos iremos informando de máis novidades!

Dous obxectivos

O obxectivo que persegue a celebración deste ano internacional é dobre. Por unha banda, a FAO quere dirixir a atención á función dos pequenos pescadores, acuicultores e traballadores do peixe na seguridade alimentaria e na nutrición, na erradicación da pobreza e no uso sostible dos recursos naturais. Poñéndoos no foco, sinalan, increméntase a conciencia mundial e a acción para darlles apoio.

Por outra banda, a celebración tamén é unha oportunidade para mellorar o diálogo entre os diferentes participantes e, así mesmo, para fortalecer a asociación dos pequenos produtores entre si e que adquiran visibilidade, que sexan escoitados e incluídos na formulación das políticas e na toma de decisións que dan forma á súa vida desde o nivel da comunidade local ata os foros internacionais e mundiais. 

Esta efeméride ten un impacto directo para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) para 2030, en particular o ODS 14.b. Ademais, como este ano 2022 queda dentro do Decenio das Nacións Unidas da agricultura familiar (2019-2028), ambas as dúas celebracións reforzaranse mutuamente dando maior visibilidade aos pequenos produtores.