Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Arranca o proxecto «BITÁCORAS DO MAR» para a posta en valor do impacto do programa 2016-2020 do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca na costa galega

Coordinado polo GALP Golfo Ártabro Norte, este proxecto de cooperación busca visibilizar o papel dos grupos de acción local do sector pesqueiro nas zonas costeiras

Pretende resaltar a posta en marcha dos diferentes programas no impulso de proxectos ligados ao crecemento azul, o desenvolvemento sustentable e o reforzo da cohesión social das zonas costeiras

Participan os territorios do Golfo Ártabro Norte e Golfo Ártabro Sur, Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Pontevedra

Comeza a andaina do proxecto Bitácoras do Mar, unha iniciativa de cooperación entre cinco Grupos de Acción Local no Sector Pesqueiro galegos que quere destacar a contribución dos grupos na aplicación do programa do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca nos seus territorios ao longo do seu último programa (2016-2020).

Tras varios meses de traballo interno, as xerencias e as directivas dos GALP promotores estiveron realizando unha análise retrospectiva e participada dos logros acadados na aplicación da EDLP, onde cada territorio seleccionou unha escolma de proxectos significativos que son considerados “boas prácticas”. Todos eles serán presentados proximamente á cidadanía dos territorios a través de distintos materiais para o seu coñecemento e posta en valor.

Bitácoras quere pór en valor o que supuxo o programa no impulso de iniciativas ligadas ao crecemento azul, ao desenvolvemento sustentable e no reforzo da cohesión social nas zonas costeiras. Busca fomentar sinerxías entre iniciativas promovidas nos diferentes territorios, a través do traballo conxunto dos grupos e axentes locais, reforzando o papel do sector pesqueiro no liderado de proxectos.

O GALP Golfo Ártabro Norte é o encargado de coordinar a iniciativa na que tamén participan Golfo Ártabro Sur, Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Pontevedra.