Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Dinamizar Impulso de proxectos do sector pesqueiro. Fondo Europeo Marítimo e de Pesca

Apoio para as boas ideas

 

O Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón acolle unhas xornadas de divulgación do GALP Golfo Ártabro Norte.

As xornadas terán lugar o mércores día 19 de febreiro ás 19:30 horas. Pretenden informar sobre a inminente convocatoria do programa de axudas que remata o día 1 de marzo.

O principal obxectivo deste evento é o de animar á presentación de proxectos por parte de empresas, confrarías e outros colectivos do Golfo Ártabro Norte. Poderán presentar proxectos as entidades de calquera dos concellos desta zona costeira: Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne e Pontedeume.

Máis de dous millóns de euros é o orzamento do que dispón o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte para financiar proxectos e ideas de negocio. Trátase deste xeito de apoiar o dinamismo económico da zona, procurando tamén un maior desenvolvemento de actividades económicas ligadas ao mundo do mar.

Nestas xornadas realizarase unha presentación do orzamento que hai dispoñible do programa de axudas, informando e aclarando as dúbidas pertinentes sobre o procedemento para a presentación de solicitudes de axuda.

Tamén se realizará unha presentación de experiencias e proxectos financiados por todos os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia. Este proxectos supuxeron a creación e o desenvolvemento de negocios en toda a zona costeira galega, con importantes iniciativas, promovidas por empresas, pero tamén polas confrarías de pescadores.

O período de presentación de proxectos remata o día 1 de marzo. Calquera persoa interesada pode asistir á reunión, na cal se prestará o apoio e asesoramento necesario, por parte do GALP para esta ou futuras convocatorias.