Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

As mulleres do sector do mar na Arousa sinalan a dixitalización e a saúde laboral como eixes dos proxectos do vindeiro período FEMPA

O Sal do Mar xornada de conclusions

 

O GALP Ría de Arousa celebrou no Auditorio Vilagarcía de Arousa da mesma cidade, a xornada final de conclusións do programa O Sal do Mar. Neste cita, ademais de destacar as principais conclusións das xornadas realizadas no marco desta iniciativa, as mulleres do sector do mar na Arousa sinalaron algunhas das iniciativas que se poderían desenvolver no futuro para seguir fortalecendo e visibilizando a súa actividade.

Entre as propostas reivindicadas durante a xornada, e que se desenvolverían no vindeiro período (2021-2027) do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), destacaron a necesidade de centrar os proxectos en áreas como a dixitalización e a saúde laboral.

En concreto, consideraron importante aprender a empregar a sede electrónica de administracións e organismos públicos para facer xestións en liña. Isto xa se sumaría ao maior uso que veñen realizando de plataformas dixitais para a comunicación da súa actividae, como é a súa presenza activa en redes sociais.

As mulleres do sector tamén apostan pola realización de obradoiros con profesionais nos que mellorar o coidado do corpo de cara ao seu traballo (prevención, estiramentos, posturas, etc.), así como a aprendizaxe de técnicas de prevención e coidados físicos para evitar e reducir os riscos laborais.

Outra das demandas é o desenvolvemento de mesas redondas e conversas sobre saúde sexual e reprodutiva, co asesoramento de profesionais, onde poder compartir dúbidas e experiencias, normalizando a abordaxe de temas de saúde e rompendo tabús.

Representación institucional e sectorial

O acto contou coa asistencia da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia, Susana Rodríguez, e do alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela Paz, quen estiveron acompañados de persoas representantes do concello e da dirección xeral, ademais do sector pesqueiro.

A xerencia do GALP Ría de Arousa repasou os proxectos de igualdade desenvolvidos no marco do período FEMP 2016-2020 e compartiu propostas a desenvolver no vindeiro período FEMPA. Neste sentido, a orientación continuará sendo a de escoitar as necesidades e propostas das mulleres do mar, de aí que se tomara boa nota das suxerencias feitas nesta xornada.

As conclusións das xornadas

As participantes no proxecto compartiron co público as conclusións e as aprendizaxes colectivas ao longo do proxecto. A mariscadora Marisa Seco foi a encargada de expoñer as conclusións da xornada Mulleres comunicando experiencias no mar, na que se amosou a importancia de que a súa actividade chegue á opinión pública para que sexa máis e mellor valorada. “Cando a xente entende todo o traballo que hai que facer para sacar unha ameixa da praia, para cultivar mexillóns ou para facer unha conserva, o produto co que traballamos gaña valor”, explicou.

Presentacion de conclusions no peche do programa O Sal do Mar

Pola súa banda, Nacho Rey repasou dúas iniciativas que na Arousa son un exemplo de economía circular no sector: o proxecto Tanza e Mar Limpo. Segundo indicou, grazas a eles xérase un impacto moi grande a moitos niveles, entre os que o máis evidente é o ambiental. Pero tamén se reforzan as redes de cooperación entre entidades do territorio, de diversos sectores (público, social, pesqueiro, etc.); e tamén se fomentan outros valores, como a inclusión social de persoas con discapacidade ou a igualdade de xénero.

No marisqueo a flote as mulleres aínda son minoría respecto dos homes. Por este motivo, Rosana Gago, mariscadora a flote e armadora na Confraría de Carril, considerou relevante visibilizar o seu traballo para que outras mulleres se unan a esta actividade. Ademais de poñer en valor o labor das mulleres rañeiras, incidiu na necesidade dunha maior posta en común entre mulleres de distintos sectores (marisqueo a pé, a flote, redeiras, etc), xa que, desde a súa perspectiva “todas temos o mesmo fin: traballar e ter un sustento, á vez que coidamos do mar”.

Dolores Rodríguez García, matrona do Servizo Galego de Saúde, abordou outro dos temas que máis preocupan ás mulleres que traballan no mar: como afectan os ciclos biolóxicos na súa profesión. Durante a xornada celebrada no marco do programa O Sal do Mar, as mulleres participantes puideron compartir experiencias entorno á súa saúde, preguntando dúbidas e normalizando falar de temas que continúan sendo tabú. A xornada tivo un carácter participativo e enmarcado nun enfoque de dereitos.