Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A promoción e o coidado dos ecosistemas da Ría de Pontevedra, o principal obxectivo dos proxectos beneficiarios das axudas xestionadas polo GALP

A Consellería do Mar vén de resolver a convocatoria de axudas de agosto de 2021, pola cal un total de tres proxectos non produtivos recibiron os fondos remanentes do programa de axudas ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra.

As axudas suman un total de 103.115,34 euros, sendo o importe subvencionable de case cento e trinta mil euros (129.295,03€). Os investimentos superan os dous cento setenta mil euros (271.742,92€).

Entre os proxectos non produtivos aprobados, atopamos o impulsado polo Concello de Sanxenxo para a posta en valor, mellora do acceso e protección das dunas da praia de Areas. O plan contempla a colocación dunha nova pasarela bordeando a zona de dunas para acceder ao areal e a renovación da que xa está instalada. A maiores, incorporarase un valado para protexelas, limparanse de vexetación invasora, instalarase unha mesa interpretativa sobre o ecosistema das dunas e dispoñeranse dous módulos de aseos mixtos. Esta iniciativa, que conta cun financiamento do 80% da partida subvencionable, busca impulsar o patrimonio medioambiental das zonas pesqueiras e acuícolas e contribuír á concienciación cidadá neste eido.

Os outros dous proxectos non produtivos aprobados foron os promovidos polo Concello de Pontevedra e a Confraría de San Telmo de Pontevedra. O primeiro ten como propósito a gravación dun documental sobre a Xunqueira do Alba, declarada Espazo Natural de Interese Local pola Consellería de Medio Ambiente. A marisma constitúe un valor ecolóxico fundamental para a ría de Pontevedra, dada a súa biodiversidade e o poder de filtrado dos axentes contaminantes que ten. O audiovisual, para o cal as axudas representan o 43% da inversión total, busca dar a coñecer e promover a riqueza que representa a Xunqueira do Alba e sensibilizar á veciñanza na importancia da súa conservación.

Pola súa banda, a Confraría de San Telmo de Pontevedra pon en marcha unha iniciativa, que recibiu o 100% da contía subvencionable, para aumentar a vixilancia sobre seu ámbito territorial. Desde xeito, o 30% da xornada laboral dos gardapescas da entidade destinarase a unha vixilancia especial, non soamente na loita contra o furtivismo, senón tamén na captación de vertidos e á limpeza e salvagarda da fauna e da flora. Así mesmo, teñen en mente establecer liñas de colaboración con organizacións ecoloxistas e concellos da zona como reforzo da vixilancia.

Ante a falta de remanentes nesta convocatoria de axudas, seis proxectos quedan en lista de espera, un produtivo —impulsado por El Encanto de Xaras S.L e consistente na posta en marcha de servizos turísticos ligados á cultura mariñeira— e cinco non produtivos. Entre eles están os tres liderados polo Concello de Pontevedra (para editar unha guía de aves da Xunqueira do Alba, sinalizar espazos naturais protexidos no ámbito urbano e realizar a segunda parte do documental sobre a orixe galega de Cristóbal Colón), o do Concello de Marín (relacionado coa dotación de servizos aos socorristas de Mogor) e o da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (centrado na formación de propietarios de vivendas turísticas sobre o patrimonio do territorio).

Convocatoria de marzo

Das 14 solicitudes presentadas á convocatoria de axudas de agosto, dúas foron desestimadas por non contar con fondos dispoñibles para o obxectivo estratéxico que perseguían, pois mantíñase un proxecto, produtivo, en lista de agarda da convocatoria de marzo para tal fin. Foi precisamente esta iniciativa, presentada pola empresa RD Suits 68 SLU, á que se lle concederon as axudas para a posta en marcha dun proxecto turístico en Raxó, en Poio, do que xurdirán dez novos apartamentos turísticos na localidade trala rehabilitación dun edificio da vila. A iniciativa contempla a vinculación dunha oferta hostaleira de calidade coa promoción e posta en valor do sector da pesca en xeral e do sector da acuicultura en particular, prestando especial interese ao cultivo do mexillón.