Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Aberta nova convocatoria de axudas GALP Ría de Pontevedra

O GALP RÍA DE PONTEVEDRA TEN ABERTA UNHA NOVA CONVOCATORIA DE AXUDAS NA QUE A MAIORÍA DA FINANCIACIÓN ESTÁ ADICADA A PROXECTOS RELACIONADOS COA XERACIÓN DE VALOR ENGADIDO NO SECTOR PESQUEIRO

Desde 2016 a entidade canalizou axudas da Consellería do Mar e do Fondo Europeo do Mar e da Pesca por importe de máis de 2,8 millóns de euros, reservando para o último período ata 2021 arredor de 1,5 millóns

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra ten aberta ata o 1 de marzo de 2020 unha nova convocatoria de axudas a proxectos que contribúan á dinamización económica dos municipios do seu ámbito territorial (Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño), partindo dos recursos pesqueiros e da propia riqueza da ría e a súa contorna. O financiamento que se canaliza a través da entidade provén da Consellería do Mar da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP). A parte máis importante dos fondos dos que dispón o GALP ata marzo de 2021 está orientada ao financiamento de proxectos relacionados coa xeración de valor engadido ao produto pesqueiro, de xeito que os profesionais e as empresas do sector teñen unha moi boa oportunidade para sacar adiante iniciativas que impulsen a súa actividade económica. Así mesmo, no apartado que a entidade adica aos proxectos non produtivos, o sector pesqueiro tamén poderá promover unha mellor formación dos profesionais, así como a adaptación ás novas condicións do mercado dos produtos extraídos do mar.

Todos os profesionais, empresas ou entidades relacionadas co sector pesqueiro interesados en desenvolver este tipo de proxectos contarán co asesoramento do persoal do GALP para todo o proceso de elaboración e tramitación, co obxectivo de facilitar a concorrencia e a posibilidade de obter parte do financiamento que lles permita convertelos en realidade. Ademais de proxectos do sector pesqueiro o GALP agarda recibir iniciativas que teñan que ver oco obxectivo da posta en valor e a conservación do patrimonio xa que, ata o de agora, non se materializou o número de proxectos previsto inicialmente nas primeiras anualidades, polo que existe un maior remanente dispoñible. Neste sentido, o GALP está desenvolvendo un grupo de traballo arredor do proxecto Mar de Velas, coa intención de que se promovan no territorio iniciativas de posta en valor e recuperación de embarcacións tradicionais mariñeiras, tanto para sacarlle un rendemento cultural, como para impulsar o seu uso para actividade turística. A xerencia da entidade lembra que o proceso de formulación de proxectos debe abordarse con tempo dabondo, polo que aconsella a aqueles promotores que teñan algunha idea relacionada coas liñas de financiamento que ten abertas, que comecen os trámites canto antes, tendo en conta que a data límite para a actual convocatoria é o 1 de marzo de 2020. En calquera caso, admítese a presentación de proxectos ao longo de todo o ano, aínda que, pasada esa data, deberán agardar ao seguinte procedemento de avaliación técnica. O GALP Ría de Pontevedra leva xestionando o actual programa de axudas dende o ano 2016. Neste período máis de medio cento de proxectos teñen recibido financiamento, que provén da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e que canaliza a entidade, por un importe total de máis de 2.800.000 euros. Tendo en conta que o total para o período global 2016-2021 é de, aproximadamente, 4.286.000 euros, aínda existe un remanente de arredor de 1.500.000 para os dous próximos anos. Os proxectos que se presenten deben coincidir cos obxectivos marcados na Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo do GALP, como os xa citados de mellora da competitividade do sector pesqueiro, marisqueiro e acuicultura; aqueles que fomenten a diversificación e a xeración de actividade económica no entorno da Ría; melloras ambientais e proxectos de sensibilización; os que realicen investimentos na posta en valor e a conservación do patrimonio, e aqueles que fomenten a cooperación e o desenvolvemento local.