Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Mar das Illas organiza tres Xornadas Abertas á cidadanía para dar a coñecer as actividades de Turismo Mariñeiro e Pescaturismo

As xornadas desenvolveranse os días 15, 16 e 20 de outubro nos concellos de Redondela, Bueu e Vilanova de Arousa, respectivamente.

O proxecto Mar das Illas organiza unhas xornadas abertas á cidadanía para a dar a coñecer as iniciativas de turismo mariñeiro e pescaturismo desenvolvidas polo colectivo de mariñeiros/as, mariscadoras/es e familiares deles nas Rías Baixas de Galicia, especialmente no ámbito do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas (PNMTIAG).

As visitas estarán guiadas polos promotores dos proxectos e permitirán achegar a entidades, organismos e asociacións as características dunhas actividades que buscan dar visibilidade e revalorizar o traballo do sector e das xentes que o conforman.

Así, en virtude desta iniciativa, as persoas participantes poderán contemplar as artes de pesca e marisqueo, o patrimonio portuario das vilas costeiras, o proceso de recolecta dos mariscos, os usos das diferentes ferramentas que interveñen no proceso, a riqueza das augas da ría e coñecer, de primeira man, o traballo dun sector fundamental no económico pero tamén no social, cultural e patrimonial das vilas mariñeiras. As visitas estarán limitadas a un máximo de 10 persoas por mor do protocolo COVID-19.

Este xoves, día 15, dará comezo a primeira das tres actividades abertas á cidadanía que se van realizar. Será en Redondela con saída do porto de Cesantes e unha hora e media de duración. A actividade, enmarcada dentro do ámbito do turismo mariñeiro, é unha aproximación á realidade do marisqueo a pé na que participarán persoal do Concello de Redondela, da Confraría de Pescadores de San Juan e da Agrupación de Mariscadoras, persoas dos centros educativos e ANPA do concello, entidades de apoio ás persoas con discapacidade da zona e persoal de establecementos de hospedaxe.

A segunda será unha visita a portos e instalacións portuarias en Bueu. Terá lugar o venres, 16 de outubro, en horario de tarde e tamén terá unha duración de hora e media. Esta actividade de turismo mariñeiro contará coa participación de persoal de centros educativos e ANPA do Concello de Bueu e de entidades de apoio ás persoas con discapacidade da área de influencia e persoal de establecementos de hospedaxe.

O martes, 20 de outubro, realizarase a terceira actividade de turismo mariñeiro en portos e pescaturismo. Unha experiencia que consta de dúas partes, unha primeira de visita ao porto de Vilanova de Arousa máis unha hora de travesía a bordo do pesqueiro Mar-Para. A actividade está dirixida a persoal do Concello e Vilanova de Arousa, da confraría e establecementos de hostalaría e hospedaxe, casas de turismo rural, apartamentos turísticos e cámpings da zona.

O proxecto Mar das Illas

Esta iniciativa de cooperación na que o GALP Ría de Pontevedra traballa en colaboración cos GALP Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda enmárcase na liña de proxectos de cooperación interterritorial e transnacional dos GALP para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020, segundo as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP).

No transcurso das distintas fases formáronse 150 profesionais do mar como Guías Acreditados en turismo mariñeiro e pescaturismo no ámbito do Parque Nacional. Tamén se elaboraron distintos manuais de formación así como protocolos de actuación e Códigos de Boas Prácticas, e leváronse a cabo xornadas de divulgación, con expertos na materia.

Actualmente, o proxecto encóntrase na terceira fase na cal, ademais de cursos de formación, deuse un paso máis realizando titorías personalizadas para os profesionais que decidiron emprender, asesorando para asegurar a viabilidade do proxecto.

Seis foron os proxectos seleccionados para ensaiar mediante proxectos piloto, tres deles de turismo mariñeiro a pé e outros tres da especialidade de pescaturismo. O obxectivo dos piloto era ensaiar e avaliar as actividades programadas así como os protocolos establecidos de atención ao público, seguridade, Covid-19, e integración da diversidade funcional (protocolo que foi acordado cos representantes das principais asociacións de diversidade funcional galegas).