Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Ría de Pontevedra e ABANCA renovan o seu convenio de colaboración

  • Os novos proxectos do GALP e aqueles vinculados ao sector pesqueiro recibirán condicións financeiras específicas

Este serán tivo lugar o acto de sinatura dun convenio de colaboración entre o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra, que estivo representado pola súa presidenta, María del Carmen Vázquez Nores, e a entidade bancaria ABANCA, que estivo representada polo seu Coordinador de Institucional, José Manuel Nogueira Durán.

O obxecto do convenio hoxe asinado é a colaboración para o mantemento da relación entre ámbalas dúas entidades.

No marco deste convenio, ABANCA aplicará determinadas ofertas financeiras aos beneficiarios de proxectos vinculados ao GALP Ría de Pontevedra e a aqueles novos proxectos vinculados ao sector pesqueiro. Para poder acollerse ás liñas de financiamento, os beneficiarios deberán xustificar que os seus proxectos están vinculados ao GALP Ría de Pontevedra.

No que atinxe aos seguros, a entidade bancaria, co fin de optimizar a calidade do servizo que presta e dar unha atención máis personalizada, porá a disposición dos beneficiarios persoal especializado en xestión de seguros buscando aquelas pólizas que mellor se adapten ás súas necesidades.

Tal e como se recolle no convenio, ABANCA porá a disposición do GALP Ría de Pontevedra e dos seus beneficiarios o seu servizo de Banca A Distancia. Pola súa banda, o GALP Ría de Pontevedra comprométese a difundir este convenio entre os seus asociados. Coa sinatura deste convenio o GALP quere poñer a disposición dos solicitantes de proxectos e daqueles que finalmente resulten beneficiarios unha ferramenta de apoio para facilitar e garantir a viabilidade económica e financeira dos proxectos das persoas promotoras.