Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Sete novas iniciativas benefícianse das axudas que xestiona o Galp Ría de Pontevedra

  • As axudas superan os 72.000 euros

Un total de sete proxectos, asesorados polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra, resultan beneficiarios da última convocatoria de axudas da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca.

A través da xestión destas axudas, o GALP Ría de Pontevedra ofrece a particulares, empresas, entidades e asociacións interesadas a posibilidade de desenvolver proxectos e actividades vinculados ao mar grazas a liñas de financiamento específicas para iniciativas vencelladas ao patrimonio cultural, o medio ambiente ou a posta en valor do produto do mar.

Das 17 solicitudes recibidas nesta convocatoria, sete foron as seleccionadas. Das cales, seis son proxectos non produtivos, podendo ser subvencionables ata nun 80%, e un é proxecto produtivo, sendo subvencionable nun 45%. O valor total das axudas supera os 72.000 euros.

Entre as iniciativas non produtivas atopamos a musealización do Centro de Interpretación dos Petroglifos de Mogor, impulsado polo Concello de Marín, co que se contribuirá á divulgación da orixe das primeiras comunidades mariñeiras e á protección do patrimonio cultural co obxectivo de reforzar a identidade territorial e o valor da zona costeira. Impulsado tamén por unha administración, neste caso o Concello de Meaño, está o proxecto da creación dunha senda no treito final do Río Chanca coa que se busca fomentar a relación dos habitantes co medio natural e mellorar a súa concienciación ambiental.

Dous clubs náuticos da zona tamén poderán poñer en marcha os seus proxectos de carácter non produtivo. Por unha banda, o Club Náutico de Portonovo pretende reducir as barreiras arquitectónicas de acceso ao peirao e contribuír á concienciación ambiental e mellora do entorno do porto. E por outra, o Club de Remo Ría de Marín quere fomentar a práctica do remo e utilizala como ferramenta de concienciación ambiental, integración e cohesión social, e xeradora de hábitos saudables.

A acción formativa específica para o sector do marisqueo a pé e a flote sobre o funcionamento do novo sistema de recollida de algas liderada pola Lonxa de Campelo e a realización de catro audiovisuais divulgativos sobre os fondos da Ría de Pontevedra por parte da Asociación Cultural Rías de Vida son as outras dúas iniciativas non produtivas que resultaron beneficiarias nesta última convocatoria de axudas.

Respecto ao proxecto produtivo, trátase dunha iniciativa de Nordés Velería e está centrada na fabricación de produtos elaborados a partires de materiais téxtiles que resultan de difícil descomposición e tratamento.

Grazas a estas axudas, o GALP Ría de Pontevedra leva varios anos apoiando proxectos con grande impacto a nivel socioeconómico, medioambiental e patrimonial. Desde 2016, o número de iniciativas aprobadas supera a centena. As fichas dos proxectos pódense consultar na seguinte ligazón.