Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Capacitación de mozos e mozas en busca do relevo xeracional no sector pesqueiro

  • O proxecto de colaboración RELEVO 2020 é unha iniciativa de carácter formativo promovida por cinco dos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro que hai en Galicia


GALP Golfo Ártabro Sur xunto con outros catro GALP galegos (GALP Golfo Ártabro Norte, Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible, GALP Ría de Arousa e GALP Mariña Ortegal) promove un proxecto de colaboración centrado na capacitación de mozos e mozas, a través da formación e dun mellor coñecemento dos recursos do territorio, a fin de fomentar e acadar o relevo xeracional no sector pesqueiro. O proxecto ofrecerá unha visión global do sector aos participantes, coa que se lles facilitarán ferramentas e recursos que lles permitan orientar o seu futuro en relación ao sector do mar.

A iniciativa que xa está na súa fase de arranque, coa posta en marcha da preparación das actuacións que se van desenvolver, vai destinada a mozos e mozas dos 16 aos 30 anos que pertenzan a algún dos 50 concellos que conforman os territorios dos cinco GALP. No caso do Golfo Ártabro Sur, o territorio abrangue os concellos de A Coruña, Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada.

O proxecto desenvolverase en dúas edicións de catro meses cada unha (a primeira de setembro a decembro de 2020 e a segunda de xaneiro a abril de 2021) e contará con 30 prazas en cada un dos territorios, que serán cubertas por orde de inscrición e atendendo a un reparto homoxéneo nos concellos do territorio.

Non é preciso contar nin con titulación vinculada ao sector pesqueiro nin con experiencia previa no mesmo.

O equipo docente estará formado por profesionais do eido das Ciencias Experimentais e das Ciencias Sociais que desenvolverán un programa formativo centrado no coñecemento do sector e na titorización persoal de cada alumno e alumna.

As sesións impartiranse, un máximo de dúas veces por semana, a través de seminarios formativos, titorías, saídas de campo, encontros con mozos e mozas con experiencia e encontros con profesionais do sector.

Para o remate do proxecto e modo de incentivo para aquel alumnado que tivese participado activamente no proxecto e cumprido os requisitos formativos haberá unha visita de estudo nacional ao País Vasco á Escola de Formación de Carpintería de Ribeira “Albaola”.

Reunións informativas
O GALP leva días visitando un a un os concellos e confrarías de pescadores do territorio a fin de facelos partícipes activos da difusión e promoción do proxecto e na busca e captación de destinatarios.

As reunións seguirán nos vindeiros días e semanas para achegar a información a persoas interesadas e coordinar a difusión do proxecto coas entidades colaboradoras a fin de fomentar a captación de alumnado.

Solicitude de información
Para informarse sobre o proxecto, está habilitada a dirección de email info@relevo2020.org e o espazo web relevo2020.org no que ademais se atopará o formulario de inscrición que quedará habilitado esta mesma semana.

As persoas que así o desexen tamén poden informarse na oficina do GALP Golfo Ártabro Sur, na súa sede en Sada e seguir as novas a través das redes sociais Instagram e Facebook buscando por Relevo2020.