Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

“No noso caso hai tres ERTE´s aprobados. Pedíronse porque non hai EPI´s suficientes. De feito, vén agora a campaña e dous que están parados vana a perder por isto”

A seguinte persoa que se suma á campaña “Queda na casa, queda co noso mar” é Alejandro Pérez, patrón maior da Cofradía de Sada. Alejandro, coméntanos nesta entrevista os impedimentos cos que se están a atopar para saír ao mar, ante a situación provocada polo COVID-19.
A piques de comezar a campaña da anchoa, vense con moita dificultade para conseguir todos os materias necesarios, situación que os levou a solicitar tres ERTE.
 
1.       Cal é a situación actual do sector? E a vosa en concreto? Como cres que afectou o COVID-19 ao sector?
Cos impedimentos normais da situación: carencia de materiais e dificultade para conseguilos, non hai todos os necesarios. No noso en caso en particular, que imos á campaña da anchoa, cústanos moitísimo atopar medio de transporte de volta á casa. Antes nunha furgoneta  entrabamos seis ou sete e, agora, non podemos ir máis de tres, polo que hai que conseguir o triplo de furgonetas, co seu correspondente incremento nos gastos. O mesmo para reparacións, porque os talleres están abertos só para as urxencias. A maiores, por exemplo, non se están facendo os recoñecementos médicos e, para nós, é un problema, porque sen el non se pode embarcar.
Todo isto nunha situación na que a venda de peixe está aí aí... Non sei como irá esta campaña.
 
2.       Tedes algún caso de contaxio por COVID-19?
Non, por sorte nada. Tivemos un mozo que estivo en contacto cun enfermo de COVID, pero fixo a corentena e pasouna sen problema. Isto foi xa hai un mes. A verdade é que non pasou nada. Nós estamos a saír ao mar igual.
 
3.       Que medidas estades a adoptar para evitar os contaxios?
No noso caso cumprimos en todo o posible as medidas de seguridade recomendadas. Por exemplo, nas descargas para a nova campaña, xa estamos informados das novas directrices a seguir. Evidentemente, non é fácil, pero agora as descargas fanas só dúas persoas. Nas lonxas, por suposto, non entras sen máscaras nin luvas.
 
4.       En canto ás EPI´s, como é a situación para vos? Utilizades a diario, tedes dispoñibilidade, tedes falta, etc.?
Agora mesmo temos, para preparar esta campaña, temos. Pero temos porque estivemos a coller provisións polas ferraxerías, as farmacias, etc. Temos lixivia, temos luvas, máscaras para traballar e mesmo lentes. De feito, agora por fin conseguimos o termómetro de infravermellos para medir a temperatura aos mariñeiros á entrada do traballo. En cando ao distanciamento, pois... mais ou menos.
 
5.       Que apoio e información estades a recibir dende as institucións?
O outro día chegáronnos máscaras á casa na que vendemos e á cofradía, pero foron as primeiras. Nós tivemos que conseguilas como puidemos: compramos algunhas, pedimos outras e mesmo tivemos doazóns de máscaras feitas con impresoras 3D dun grupo de aquí.
 
6.       Estades a recibir algunha axuda de apoio a actividade dende estes? Axudas económicas?
Nada en especial ademais dos ERTEs. Nós preferimos saír a traballar que meternos en axudas ou créditos. Endebedarse non é a maneira, o que se necesita é que as campañas funcionen ben.
 
7.       Que cres que se podería facer diferente/mellor ou deixar de facer para mellorar a vosa situación?
O ideal sería ter máis EPI’s e non ter que endebedarse.
 
8.       Tivestes que solicitar ou facer algún ERTE? Rexeitaron algún? Por que?
No noso caso hai tres ERTE´s aprobados. Pedíronse porque non hai  EPI´s suficientes. De feito, vén agora a campaña e dous que están parados vana a perder por isto.  Tamén hai xente que pertence a un grupo de risco, ten medo a vir traballar e pide non vir, é totalmente entendible.
 
9.       Hai medo entre a tripulación?
Si, a xente está saíndo a faenar con medo, por non ter as medidas de protección suficientes.
 
10.   Estades a atoparvos con problemas para poder comercializar o produto?
Para escaseza que houbo ata agora, non se notou que subise o prezo, de feito, a nós non nos variou moito. O noso peixe é máis de cerco. Traballamos con especies peláxicas, a sardiña agora está pechada, pero xurelo, cabala e especies que, aínda que van para o fresco, non son especies que adoitan ir para restaurantes, utilízase máis para conxelar ou para  carnada. Onde se notou moito a baixada foi en todo o peixe que ía para restauración.
 
11.   Cal é o peixe que está a ter máis saída nesta época? E cal era o habitual neste período do ano?
Nós seguimos cos mesmos ritmos, máis ou menos. O noso peixe é peláxico e, neste caso, non varía moito.
 
12.   Como vos está a afectar a redución no prezo do peixe? Afecta a todas as especies?
Como dicía, no noso caso non afecta demasiado. Onde se está a notar moito e no peixe que vai para restauración, e nós non temos baixada directa por esta situación, é un peixe diferente. Veremos a ver como vai esta campaña que comezamos hoxe, a da anchoa. Logo xa temos a campaña da sardiña, que comeza en maio, e esta si que é case todo para fresco, xa depende máis do tirón da xente para vender.
 
13.   Entendendo as perdas que supón está situación para o sector, como vos afecta no voso caso en concreto? Compensa saír para afrontar gastos?
A época do ano, á marxe da campaña da cabala ou da anchoa, non é a época máis forte para estas especies, así que si, aínda que a venda non sexa moi alta, se vas pescando algo e mantés o prezo, interesa saír. Por dicilo dalgunha maneira, pódese ir tirando.
 
14.   De seguir nesta situación, de que maneira vai a afectar ao subministro de peixe no mercado?
Eu supoño que seguiremos tendo peixe. A ver como collen as fábricas esta campaña que vén, como fan coa distribución que teñen. Porque, por exemplo, un mercado bo para a anchoa é, ou era, Italia. De todos os xeitos, xa empezamos con cotas máis pequenas respecto a outros anos, para non ir enchendo con tanta cantidade o mercado e que non se sature.
 
15.   Como cres que evolucionará a situación nun futuro próximo?
Pois eu creo que de momento isto vai manterse así bastante tempo, polo menos ata despois do verán. Está á volta da esquina e como vai ir abrindo gradualmente... A verdade é que non sabería dicir agora mesmo outro punto.
 
16.   Hai algunha medida ou punto que che gustaría facer dende xa, de cara a mellorar o traballo na vosa cofradía?
A básica para nós é o acceso ás EPÍ´s, para que a xente poida estar protexida e traballar tranquila e con seguridade. Esa é a base principal e o máis importante para nós agora mesmo. A partir de aí, o que sexa...
 
17.   Cres que está a cambiar a forma en que a xente ve o sector pesqueiro?
Normalmente cando hai agradecementos, a nós nunca se nos nomea, somos os últimos da cadea, pero non pasa nada... Todos os apoios son bos e reconfortantes. Pero é certo que cando saes, ves todos os agradecementos e non falan de ti, botas de menos que se acorden de ti. Ao fin e ao cabo, consumir proteínas tamén é importante, non? (Risas)
 
Alejandro remata a súa entrevista transmitindo unha mensaxe de axuda ao sector: “noso caso, unha axuda para aprazar o pago non é a solución. A solución sería subir algunha cota que é moi reducida e poder pescar máis. Isto axudaríanos a facturar máis e levar mellor esta situación, por suposto, sempre tendo coidado e facéndoo de maneira sostible e coherente. Este é o meu punto de vista. Polo demais, é un problema de todos e todas, por iso temos que achegar o noso gran de area para que se solucione canto antes. O/a que teña que ir traballar que traballe e o/a que teña que quedarse na casa quede”.