Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Golfo Ártabro Sur reúnese con entidades sociais do territorio para dinamizar proxectos de inclusión laboral no sector pesqueiro

 

  • O evento enmárcase dentro do proxecto de cooperación “Tanza”, que busca establecer novas sinerxías para mellorar a empregabilidade e integración social, facendo fincapé nas persoas con diversidade funcional

  • No encontro participaron Dismacor, Fundación ADCOR, Down Coruña e Aspadisol

A sede do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur acolleu esta mañá unha nova reunión do proxecto de cooperación “Tanza: inclusión social, sector pesqueiro, economía circular”, a través do que se pretende impulsar novas sinerxías e a creación de iniciativas de inclusión social e laboral no mundo do mar, facendo fincapé nas persoas con diversidade funcional.

No encontro, as persoas participantes expuxeron as preocupacións actuais, así como novas propostas e ideas co obxectivo de dinamizar a creación de vías de colaboración entre entidades de inclusión social e organismos do sector do mar.

Na reunión participaron representantes do GALP Golfo Ártabro Sur e entidades como Dismacor (Asociación de Pais de Nenos e Persoas con Discapacidade das Mariñas Coruñesas), Fundación ADCOR (Adultos Discapacitados da Coruña), Down Coruña e Aspadisol (Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Oleiros).

A iniciativa busca xerar espazos de encontro entre organismos que permitan establecer novas sinerxías co obxectivo de incrementar a empregabilidade das persoas con diversidade funcional, así como doutros colectivos.

Agardamos que os encontros que vaiamos tendo dentro da iniciativa Tanza sexan produtivos e sirvan de base para que no futuro se xeren novos proxectos de integración social e laboral de persoas con diversidade funcional no sector do mar, permitindo seguir dando pasos adiante na evolución e progreso do ámbito mariñeiro en todas as súas vertentes”, explicou na súa intervención o xerente do GALP, Federico López Viñas. “Tamén queremos transmitir que a súa posta en marcha e desenvolvemento poden realizarse a través das nosas axudas”, indicou.

O proxecto

O proxecto Tanza é unha iniciativa de cooperación que se leva a cabo xunto con outros GALP de Galicia (Golfo Ártabro Norte, Mariña – Ortegal, Costa da Morte, Costa Sostible e Ría de Arousa) e que ten como obxectivo impulsar a inclusión social e laboral no sector do mar, sobre todo no que respescta ás persoas con diversidade funcional.

O proxecto tamén servirá para concienciar ao sector pesqueiro en materia medioambiental.

A iniciativa aprobouse no marco da convocatoria 2020 de axudas dirixidas a programas de cooperación interterritoriais e transnacionais dos GALP no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e conta cun investimento de máis de 108.700 euros.