Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP impulsou a cultura mariñeira e a inclusión a través de tres proxectos de cooperación

Imaxe do proxecto Relevo 2020
  • As iniciativas ‘Pasaporte REMA’, ‘Relevo 2020’ e ‘Tanza’ contruibuíron a poñer en valor o patrimonio, formar á mocidade e crear un espazo de emprendemento inclusivo. 

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur desenvolveu neste 2020 tres proxectos de cooperación xunto cos diferentes GALP de Galicia, que tiveron como principais obxectivos poñer en valor e difundir o patrimonio mariñeiro atlántico, formar á mocidade na busca dun relevo xeracional no ámbito do mar e crear un ambiente de emprendemento inclusivo.

Os tres proxectos desta condición nos que participou o GALP foron o ‘Pasaporte REMA’ -Rede de Espazos Museísticos Atlánticos-, ‘Relevo 2020’ e ‘Tanza: inclusión social, sector pesqueiro, economía circular’.

Pasaporte REMA

O proxecto Pasaporte REMA, dentro da iniciativa Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA), naceu para dar a coñecer o mundo mariñeiro á xuventude e mocidade co obxectivo de preservar a cultura e historia atlántica. 

Para conseguilo, deseñouse un escape room virtual para as escolas do territorio no que a rapazada participante deberá resolver un misterio seguindo unha serie de pistas que atopará de modo virtual en 27 museos pertencentes á Rede REMA. Os 5 colexios que resolvan este desafío en menor tempo, serán convidados, o día 18 de maio de 2021, a un dos museos para competir nun escape room deseñado para a ocasión, onde se decidirá quen é o mellor “equipo investigador galego”. A través deste xogo búscase achegar o mar á poboación máis nova co uso das novas tecnoloxías. 

Relevo 2020

O GALP tamén participou en Relevo 2020, un programa formativo para a mocidade do territorio que permitiu profesionalizar o sector do mar e impulsar a innovación e a creación de emprego. Con este fin, leváronse a cabo clases para a mocidade de máis de 16 anos co obxectivo de capacitala e que se produza o necesario relevo xeracional no sector pesqueiro.

As formacións impartíronse na sede do GALP. Dentro delas tamén se realizaron visitas a diferentes empresas do sector en Galicia, como Cadenote Yatch, Marmar Outdoor ou Intramar.

Formaron parte do proxecto, ademais do GALP Golfo Ártabro Sur, GALP A Mariña – Ortegal, GALP Golfo Ártabro Norte, GALP Seo de Fisterra Ría de Muros Noia Costa Sostible e GALP Ría de Arousa.

Tanza: inclusión social, sector pesqueiro, economía circular

O proxecto Tanza conseguiu crear neste 2020 un ámbito de emprendemento inclusivo no que fortalecer as sinerxías entre os Centros Ocupacionais e Centros Especiais de Emprego e as entidades do sector pesqueiro. A través de encontros entre representantes destas entidades xeráronse novas oportunidades no ámbito económico,  produtivo  e  social,  que  reforzarán  a  inclusión de colectivos vulnerables.

Desta forma, crearase un tecido social e produtivo que facilite a integración das persoas con discapacidade ou outros colectivos co obxectivo de que no futuro estes poidan prestar servizos ás entidades do sector pesqueiro e outros axentes, fomentando ademais nas súas tarefas a economía circular.

Na proposta participaron o GALP Golfo Ártabro Sur, GALP A Mariña Ortegal,  GALP Golfo Ártabro Norte, GALP Costa da Morte, GALP Seo de Fisterra Ría de Muros Noia Costa Sostible e GALP Ría de Arousa.