Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O proxecto Relevo2020 ultima a súa botadura

O proxecto de colaboración RELEVO 2020 é unha iniciativa de carácter formativo promovida por cinco dos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro que hai en Galicia.

Despois de máis de dous meses adicados á promoción e difusión, contacto con entidades colaboradoras e captación de alumnado o proxecto RELEVO 2020 preséntase nun ACTO que terá lugar o vindeiro xoves día 3 de setembro ás 18h no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.

A iniciativa que prevé comezar coas sesións presenciais entre o 15 e o 20 de setembro, diríxese a mozos e mozas maiores de 16 anos que estean empadroados nalgún dos 50 concellos que conforman os territorios dos cinco GALP promotores (ver información en relevo2020.org).

O proxecto desenvolverase en dous cuatrimestres (o primeiro de setembro a decembro de 2020 e o segundo de xaneiro a abril de 2021) e contará con 30 prazas en cada un dos territorios, que serán cubertas por orde de inscrición e atendendo a un reparto homoxéneo nos concellos dos territorios. Non é preciso contar nin con titulación vinculada ao sector pesqueiro nin con experiencia previa no mesmo. 

O equipo docente estará formado por profesionais do eido das Ciencias Experimentais e das Ciencias Sociais que desenvolverán un programa formativo centrado no coñecemento do sector e na titorización persoal de cada alumno e alumna de cara a asesoralo e encamiñalo no seu futuro laboral.

As sesións impartiranse a través de seminarios formativos, titorías, saídas de campo, encontros con mozos e mozas con experiencia e encontros con profesionais do sector e terán unha frecuencia semanal.

O programa xa conta con inscritos no territorio de todos os GALP participantes.

Sobre o programa do Acto de Presentación. Na mesa inservirán:

  • María Vales, Presidenta do GALP Ría de Arousa, grupo coordinador dos grupos promotores, 
  • Susana Rodríguez Carballo, Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro,
  • José Antonio Pérez Sieira, Presidente da Federación Galega de Cofradías de Pescadores,
  • Rosa Carballo, xerente do GALP Ría de Arousa e
  • María Calvo, Asistencia Técnica do proxecto.

Para máis información:

Podedes visitar a web do proxecto relevo2020.org ou escribir á dirección de correo info@relevo2020.org.