Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Persoas con diversidade funcional coñeceron o mundo mariñeiro a través dunha obra teatral e dous obradoiros

Os asistentes a “Un mar de ilusións” participaron nunha poxa de peixe e coñeceron todos os detalles sobre o traballo que se desenvolve na lonxa de Sada.
·        O evento estivo organizado polo GALP Golfo Ártabro Sur e contou coa colaboración da Confraría de Pescadores de Sada, ACERGA, Concello de Sada e a tripulación do Cerqueiro OLNADI.
·         Participaron nas actividades ASPACE, Aspronaga, Aspanaes, Fundación Adcor e o Centro Ocupacional Pascual Veiga.
 
Sada, 31 de outubro 2019.- Unha obra teatral e dous obradoiros achegaron o mundo mariñeiro a arredor de 60 persoas con diversidade funcional en “Un mar de ilusións”. O evento estivo organizado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur, e contou coa colaboración da Confraría de Pescadores de Sada, Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (ACERGA), Concello de Sada e a tripulación do cerqueiro OLNADI.
 
A xornada, celebrada na lonxa de Sada, contou cunha interpretación teatral na que se explicou o traballo que se leva a cabo na lonxa de Sada. Na representación realizouse unha descarga de peixe. Despois vendéronse as capturas nunha poxa na que participaron todos os asistentes. Na xornada tamén se levaron a cabo dous talleres de fondos mariños e reciclaxe.
 
“É emocionante que se fagan eventos así, que dean a coñecer o traballo que se realiza na lonxa e que impulsen o mundo mariñeiro. Agardo que todas as persoas que se atopan hoxe aquí gocen tanto deste evento como eu o fixen cando me ensinaron por primeira vez o traballo na lonxa” explicou o presidente do Golfo Ártabro Sur, Alberto Castro García; tamén estivo presente no evento o secretario, José Garrote Martín.
 
O evento estivo organizado polo GALP Golfo Ártabro Sur e contou coa colaboración da Confraría de Pescadores de Sada -que cedeu a lonxa para realizar as actividades-, ACERGA, Concello de Sada e a tripulación do Cerqueiro OLNADI. Participaron na xornada ASPACE, Aspronaga, Aspanaes, Fundación Adcor e o Centro Ocupacional Pascual Veiga.