Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

ABANCA e o GALP Golfo Ártabro Norte impulsan o desenvolvemento socioeconómico da poboación pesqueira

ABANCA e o GALP Golfo Ártabro Norte impulsan o desenvolvemento socioeconómico da poboación pesqueira

  • Ambas as entidades reforzan o traballo conxunto grazas á división especializada que mantén o banco neste sector: ABANCA Mar
  • O banco e o grupo de acción local acordan unha oferta financeira vantaxosa para este colectivo

ABANCA renovou o pasado día 28 de xuño a alianza que mantén co Grupo de Acción Local do sector pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte co obxectivo de impulsar o desenvolvemento socioeconómico da poboación pesqueira nesta franxa costeira.

O director de zona de ABANCA en Betanzos/Eume, José Ulfe, e a representante do GALP Golfo Ártabro Norte, María Josefa Crespo, foron os encargados de asinar o novo acordo, nun acto celebrado en Miño.

Ademais do firme compromiso das dúas entidades de poñer en marcha iniciativas para mellorar a competitividade deste sector, o protocolo asinado hoxe inclúe unha oferta financeira de ABANCA personalizada para o colectivo. O texto renovado ofrece produtos de circulante como Credimar, una póliza de crédito de ata cinco anos sen comisións; Anticipo Mar, para adiantar sen comisións o cobro de subvencións e impostos; ou Confirmar, para o financiamento de mareas, pagos de gasóleo, dereitos de pesca, etcétera.

O GALP Golfo Ártabro Norte naceu co obxectivo de colaborar na gobernanza da súa zona de actuación, que abrangue dez municipios da costa coruñesa. O grupo participa activamente na construción da capacidade organizativa da zona pesqueira, e serve de núcleo de converxencia e representación de entidades e axentes socioeconómicos con interese no desenvolvemento integral e equilibrado da área. Representa a decenas de entidades locais, entre concellos, confrarías de pescadores e outras organizacións profesionais vencelladas ao sector pesqueiro, asociacións de empresarios e comerciantes, e agrupacións de carácter social.

Este marco de colaboración súmase aos acordos en materia financeira que a entidade financeira galega mantén coa maior parte das confrarías de pescadores de Galicia e as principais organizacións do sector, que reflicten o compromiso do banco con este sector estratéxico para a nosa comunidade. A través de ABANCA Mar, a entidade financeira pon a disposición do sector un crecente catálogo de produtos adaptados, ademais da proximidade e experiencia dun equipo de profesionais altamente cualificados e cun profundo coñecemento da heteroxénea cadea de valor do mar.