Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

As mulleres do mar

O proxecto de dinamización do GALP GOLFO ÁRTABRO NORTE “As Mulleres do Mar” pretende traballar coas mulleres do sector primario do mar fomentando o asociacionismo como vía de mellora e beneficio conxunto e persoal.

Dentro da súa programación anual de dinamización o GALP Golfo Ártabro Norte pon en marcha un novo proxecto co que pretende traballar coas mulleres do sector primario do mar, sobre todo de agrupacións de mariscadoras pertencentes as confrarías, co fin de ampliar e mellorar as súas competencias, darlles unha visión de futuro sobre o seu traballo e outras actividades que poidan realizar e fomentar o asociacionismo como unha vía de mellora e beneficio conxunto e persoal.

ARRANQUE DAS SESIÓNS. Encontro empresarial.

A primeira sesión desenvolveuse o pasado 21 de abril nas instalacións da Confraría de Miño e albergou a mulleres do mar desa confraría, da confraría de Barallobre e da de Mugardos. En total foron 11 as mulleres que, xunto coa asistencia técnica do programa e a xerente do GALP, Antonia Fernández, participaron dunha xornada diferente.

O que se podería esperar que fose unha sesión teórica sobre os contidos establecidos resultou ser un encontro cunha muller do mar, mariscadora que hai anos, probou por curiosidade e casualidade, a diversificar a súa labor no mar e facer actividades relacionadas co turismo. A día de hoxe conta coa súa propia empresa na que poden traballar máis de 15 persoas por picos de traballo en diferentes épocas do ano. Por suposto, o marisqueo é cousa do pasado.

Marta, da entidade Piragüílla Ocio e Aventura participou nesta primeira xornada para aportar en positivo a mulleres do mar que están na mesma situación pola que ela pasou; contarlles a súa experiencia, o seu camiño, os pasos dados e relatar a situación actual, enriquece a quen quere empaparse de novas opcións e oportunidades. O diálogo e exposición de dúbidas en grupo, axuda.

O programa contará tamén con outras mulleres de entidades diferentes que seguirán aportando en prol do colectivo feminino do mar. As sesións seguirán ata o mes de xullo.