Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Incremento da actividade económica ligada ao mar no Golfo Ártabro Norte

A Consellería do Mar aprobou a adxudicación de axuda cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP 2014-2020) a 26 proxectos das 33 solicitudes de axuda presentadas no GALP Golfo Ártabro Norte, que ten a súa sede en MIÑO

O GALP Golfo Ártabro Norte aglutina o ámbito territorial de 10 concellos, dos que 2 son da comarca do Eume ( Cabanas e Pontedeume); 6 da comarca de Ferrol (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Mugardos, Ares,) e 2  da comarca de Betanzos (Miño e Paderne).

A  Consellería do Mar estivo a enviar durante o mes de agosto, a cada un dos solicitantes destas axudas FEMP as resolucións co financiamento adxudicado definitivamente a cada unha das propostas de axuda que foron tramitadas neste GALP nesta Convocatoria 2019.

En total foron aprobados 18 proxectos produtivos e 8 non produtivos, repartidos por concellos, foron 4 proxectos en Ares, 5 e Mugardos, 2 en Paderne, 9 en Pontedeume, 2 en Miño, 3 en Narón e 1 proxecto en Fene.

En relación aos proxectos produtivos, o importe total subvencionado aprobado pola Consellería do Mar é de 751.210,92 €, oscilando as porcentaxes de financiamento entre o 45% ao 50% dos custes presentados subvencionables. A maior parte dos proxectos realizan o seu investimento durante este ano 2019. Tan só un proxecto realizará investimentos en 3 anualidades (construción de apartamentos turísticos) e 5 iniciativas posúen carácter bianual, finalizando as inversións no 2020.

As temáticas dos proxectos versan sobre a modernización da gastronomía mariñeira, a creación de novas prazas hoteleiras, melloras no postos nos mercados locais, na comercialización, envasados e etiquetados de produtos pesqueiros, ou mesmo a fabricación de produtos cerámicos ou souvenirs con motivos mariñeiros e ligados ao Camiño Inglés.

Isto constitúe unha boa nova, pois analizada a información, o GALP acolle -entre outros obxectivos- a mellora da competitividade do sector pesqueiro e a creación de emprego e oportunidades económicas. Con esta edición, dase unha previsión de creación de 25 postos de traballo (dos cales 12 son mulleres ou mocidade), ademais de consolidar 24 postos de traballo e se instalarán un total de 12 novos negocios no territorio.

En canto ás iniciativas aprobadas de carácter non produtivo, o importe total subvencionado aprobado pola Consellería do Mar é de 337.344,65 € sendo financiadas cada unha delas entre un 60% e un 100%, dependendo das puntuacións obtidas.  

Neste caso, trátase de iniciativas de promoción do patrimonio medioambiental, adquisición dun vehículo marisqueiro multifuncional para o desprazamento pola costa para a Confraría de Pescadores de San Telmo de Mugardos; Dinamización dos mercados e produtos locais promovido polo Concello de Mugardos,….. Destaca polo seu carácter innovador, unha iniciativa dunha entidade veciñal (Asociación de Veciños Os Irmandiños de Narón) que propuxo como proxecto a formación en temáticas relacionadas coas algas, coa idea de fomentar o emprendemento neste eido.
                    
Nova anualidade en 2021

Dende o GALP Golfo Ártabro Norte quérese destacar como novidade que, a maiores da próxima convocatoria de 2020, a Consellería do Mar ampliou este Programa do Fondo Europeo e Marítimo da Pesca FEMP 2014-2020, a unha nova convocatoria no 2021, polo que se poderán presentar solicitudes ata o 1 de marzo de 2021, 

Anímase ás persoas promotoras e entidades deste ámbito territorial a seguir presentando  iniciativas a través desta liña de axudas do fondo europeo

Para consultas e trámites poden  visitar e/ou contactar co equipo técnico emprazado na Casa do Pescador de Miño, Rúa Curro, 33, teléfono 981 784 417 e correo electrónico galp.mar.golfoartabronorte@xunta.gal.

Ampliación de crédito pola Consellería do Mar para o GALP Golfo Ártabro Norte, nesta convocatoria 2019 para proxectos produtivos

Tamén cabe sinalar que a Consellería do Mar, comunicou nestes días pasados unha ampliación de crédito para este Grupo, polo que nesta Convocatoria 2019, realizase unha nova fase de adxudicación de axudas, coas solicitudes presentadas dende o 2 de marzo ata o vindeiro domingo 1 de setembro, que por ser festivo poderanse presentar solicitudes a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (Procedemento PE155A) ata o luns día 2 de setembro.