Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Golfo Ártabro repartirá 2.500 exemplares da Guía de Confrarías entre as seis agrupacións de pescadores que se integran neste territorio. A publicación recolle información sobre as entidades, receitas e consellos para cociñar peixe e marisco

Ó acto asistiron os alcaldes de Ares, Mugardos e Paderne, e representantes políticos do resto dos concellos que integran o GALP Golfo Ártabro Norte. Tamén participaron as directivas das Confrarías e empresarios locais.
A Guía estará dispoñible nas confrarías a partires da vindeira semana.
 
A Guía de Confrarías, editada polo GALP Golfo Ártabro Norte, estará dispoñible nas agrupacións de Ares, Barallobre, Ferrol, Miño, Mugardos e Pontedeume a partires da vindeira semana. A publicación foi presentada  onte na Casa do Pescador, en Miño, no transcurso dun acto no que participaron os alcaldes de Ares, Mugardos e Paderne, e representantes do resto dos municipios que integran o GALP Golfo Ártabro Norte. Tamén contouse coa presenza dos patróns maiores destas confrarías, entidades deportivas e empresariais, e autónomos beneficiarios das axudas europeas.
 
A Guía de Confrarías recolle información práctica sobre cada unha destas entidades: número de socios, xunta directiva, dirección postal, redes sociais, especies ofertadas e venta directa – polo de agora, só nas confrarías de Barallobre e Ferrol-.
 
No reverso da publicación, inclúense receitas para cociñar Ameixas á mariñeira e Vieiras á galega, así como consellos sobre os tempos de cocción do marisco. A publicación conta tamén con datos de interese sobre as axudas do GALP, no que se refire a posibles beneficiarios, proxectos produtivos e non produtivos, e presentación de solicitudes. 
 
Onte tamén se celebrou o Foro da avaliación do seguimento da Estratexia de desenvolvemento local participativa do GALP Golfo Ártabro Norte, no que se destacou o ascenso na xestión do programa de axudas neste ano 2019, chegando a superar o millón de euros de importe executado.
 
Tamén é salientable o crecemento das axudas vinculadas aos proxectos produtivos, que implicaron a creación de doce novas empresas e máis de 32 postos de traballo nesta zona costeira.
 
Dende o inicio do período de Fondos, no ano 2016, o GALP recibiu 109 solicitudes de axuda, prestando apoio a preto de 60 proxectos, entre investimentos produtivos e non produtivos. En conxunto, a execución do programa supera os 2,3 millóns de euros.