
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte é unha entidade colaboradora da Consellería do Mar para a xestión das axudas do Fondo Marítimo e da Pesca (FEMP) 2014-2020 no ámbito territorial que abarca dende Narón ata Paderne . (Paderne, Miño, Pontedeume, Cabanas, Ares, Mugardos, Fene, Neda, Ferrol e Narón).
O Galp Golfo Ártabro Norte, está formado por 6 Confrarías de Pescadores, 10 concellos e 13 entidades de carácter privado, e o seu equipo técnico leva traballando dende o pasado mes de xullo.
Dentro das actividades de dinamización e animación deste Grupo está o novo vídeo promocional que se presentará hoxe día 15 ante unhas 70 persoas na Escola de Hostelería de Pontedeume, onde estarán representados todos os concellos, así como as Confrarías do territorio (Confrarías de Miño, Pontedeume, Ares, Mugardos, Barallobre e Ferrol) e representantes do tecido asociativo do territorio e da Consellería do Mar, entre outros.
O vídeo cunha duración aproximada de 35 minutos fai un percorrido polos lugares máis carismáticos da costa do territorio, así como das actividades de pesca e marisqueo, das actividades náuticas e deportivas no mar, e como non, da nova liña de axudas existente neste territorio, da que xa está aberto o prazo para a convocatoria do ano 2017.
Con estas axudas preténdese mellorar as condicións de vida e as oportunidades de desenvolvemento actuais e futuras dos integrantes da comunidade costeira, tendo entre os obxectivos do GALP Golfo Ártabro Norte a mellora da competitividade do sector pesqueiro; proxectos emprendedores vinculados ao mundo do mar facilitando o seu establecemento no territorio; mantemento da cultura e as tradicións mariñeiras; impulso do turismo mariñeiro a través de novas iniciativas emprendedoras de turismo; asentamento de novas empresas e persoas emprendedoras con proxectos viables; xornadas, cursos... destinados a profesionais do mar; programas de formación e proxectos educativos; coidado do medio natural e mariño.....