Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

As mulleres rañeiras da Arousa contan a súa experiencia nunha xornada moi participativa, celebrada en Cabo de Cruz

GALP Ría de Arousa Programa O Sal do Mar 2021 xornada mulleres rañeiras Boiro

 

O GALP Ría de Arousa celebrou, no Centro Social Cabo de Cruz a segunda das catro xornadas do programa O Sal do Mar, que abordou o traballo das mulleres rañeiras. Abriu a xornada María Luisa Outeiral, concelleira de Feminismo e Igualdade do Concello de Boiro.

A apertura do acto, na que participou María Luisa Outeiral do Concello de Boiro

Nesta sesión as persoas asistentes tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man as experiencias de tres mulleres do sector: Raquel Souto, mariscadora a flote e armadora na Confraría de Cabo de Cruz; Rosana Gago, mariscadora a flote e armadora na Confraría de Carril; e Dolores Gómez, bateeira, integrante de Aspromeri, a Asociación de Produtores Mexilloeiros de Rianxo, e presidenta da Asociación de Mulleres do Mar de Arousa.

As tres relatoras da xornada

As tres relatoras falaron da súa traxectoria, comezando polos seus inicios, os retos que se atoparon e o momento actual. Ademais, contaron as dificultades e as estratexias que puxeron en práctica como mulleres en postos de responsabilidade (patroa maior, presidenta...) en profesións nas que a maioría son homes.

Un momento do debate durante a xornada

Os temas abordados na xornada

A xornada, á que asistiron máis de trinta mulleres, foi moi participativa, pois produciuse un amplo debate entre as asistentes. Nestes debates compartíronse opinións diversas e experiencias sobre distintos temas, entre eles os seguintes:

  • As críticas que se realizan ás persoas en postos de xestión e a necesidade de un maior apoio mutuo, especialmente entre as mulleres.

  • A reticencia para presentarse a postos de representación (ou incluso participar en asembleas). Segundo as asistentes, isto débese a diferentes motivos: os coidados recaen nas mulleres, delégase a asistencia no compañeiro e, moitas veces, prodúcese unha sobre esixencia por parte das mulleres.

  • Asistiron mulleres rañeiras novas, que levan dende adolescentes traballando no mar e reclaman ser recoñecidas tamén como profesionais. Destacouse a necesidade de formación para acceder a profesións do mar (como patroa de barco, por exemplo).

  • En canto ao traballo no mar: destacouse a súa gran dureza (os días malos son moi malos), pero tamén os seus aspectos positivos: a liberdade, non traballar baixo presión como nunha fábrica ou empresa, a flexibilidade horaria, as boas relacións de compañeirismo, entre outros. As asistentes coincidiron en que é unha profesión vocacional e unha boa saída laboral ("O mar non pregunta nin pola túa idade nin por se es home o muller...só se es quen de traballar nel", asegurou unha das participantes).

Próximas xornadas

No marco desta campaña, que este ano se denomina O Sal do Mar. Avanzar compartindo, celébranse catro xornadas nas que as mulleres deste ámbito son as protagonistas: elas mesmas, co apoio do GALP, falan das experiencias profesionais e das iniciativas que foron desenvolvendo nos últimos tempos, de aí o lema desta edición “Avanzar compartindo”. As xornadas prepáranse mediante reunións en liña, o que reforza o traballo en equipo e as habilidades dixitais adquiridas polas mulleres en anteriores edicións.

As próximas xornadas serán:

  • 21 de xullo, de 18:00 a 19:30 h / A economía circular: coidando do noso mar. Lugar: Confraría de Cambados.

    28 de xullo, de 18:00 a 19:30 h / A bioloxía das mulleres: problemáticas e solucións dos nosos ciclos biolóxicos no desempeño profesional. Lugar: Centro Social de Escarabote (Boiro).

Despois do verán, o 22 de setembro ás 18:00 h, terá lugar, no Auditorio de Vilagarcía de Arousa, unha xornada final, na que se poñerán en valor as conclusións das xornadas anteriores, e establecerase un debate no que comezar a recoller os retos e as liñas mestras das accións de igualdade que pode incorporar o GALP Ría de Arousa no seguinte período.