Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

I Encontro Territorial de Tanza na Ría da Ría de Arousa: cara a inclusión social no sector marítimo-pesqueiro

 

 

O Proxecto Tanza para a cooperación entro o sector pesqueiro e o da inclusión social comeza a coller forma no territorio do GALP da Ría de Arousa. Esta semana celebramos en O Grove o I Encontro Territorial de Tanza no territorio do noso GALP. Tivo lugar na sede de Amegrove e asistiron ao mesmo representantes do propio Amegrove, a Fundación BATA, Asociación AMICOS, Frigoamegrove e o Concello do Grove, así como a xerente do GALP, Rosa Carballo.

 

A reunión centrouse na produción do mexillón e na xuntanza quixemos conversar sobre iniciativas que poidan dar resposta a algunhas necesidades do sector pesqueiro que teñen que ver coa xeración de residuos. Reflexionamos conxuntamente sobre distintas liñas de actuación que poden xerar proxectos de colaboración entre o sector pesqueiro e o da inclusión social, enmarcados nos parámetros da economía circular e o aproveitamento de refugallos.

 

As liñas que se barallaron nesta primeira xuntanza centráronse nos residuos xerados da industria do mexillón -especialmente as cunchas deste molusco-, así como os sacos empregados no seu transporte e tratamento para posterior distribución. Tamén saiu a colación a problemática do vertido de plásticos na Ría de Arousa, e os asistentes coincidiron na necesidade de establecer sistemas de recollida e reciclaxe, así como a importancia da concienciación entre a cidadanía e o sector pesqueiro para eliminalos das augas.

 

No abeiro do Proxecto Tanza promovemos un modelo sostible de cooperación que xere iniciativas que salienten o traballo común para idear proxectos que fomenten o coidado do mar. Xa está calendarizado un segundo encontro entre estas entidades para continuar nestas liñas de traballo, afondar nas ideas iniciais e valorar a viabilidade de levar a cabo proxectos que solventen algunha de estas problemáticas nos que participen tanto as entidades pesqueiras como as de inclusión social. Tamén teremos outro encontro territorial proximamente en Ribeira.