Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Mulleres do mar da Arousa melloran a súa autonomía coa aprendizaxe de habilidades dixitais a través do programa ‘O Sal do Mar’

Mulleres da Arousa aprenden habilidades dixitais co Sal do Mar


Mulleres do sector do mar asistiron ao Centro de Desenvolvemento Local de Vilanova de Arousa, no Pazo Vista Real, para participar na primeira das dúas sesións do programa “O Sal do Mar” dedicadas ao uso da sede electrónica e xestións en liña.

Estas xornadas teñen un carácter práctico e aplicado, nas que se traballan as habilidades sobre distintas xestións en liña: DNI electrónico, certificado dixital, chave 365 e cl@ve, para a relación coa Seguridade Social, co Sergas, e coa Administración Pública en xeral.

O encontro contou coa asistencia de 18 mulleres. Nesta ocasión, Rosa Carballo, xerente do GALP Ría de Arousa, foi a encargada de realizar a apertura da xornada. A presidente do GALP, María José Vales, tamén deu a benvida e animou ás mulleres a continuar formándose en distintas habilidades, xa que, na súa opinión, “é o paso previo para ter unha maior autonomía e independencia”.

Nesta xornada as asistentes tomaron contacto con algúns conceptos básicos sobre seguridade e privacidade en Internet a partir do acceso á plataforma ‘Classroom’. Na sesión tamén tiveron a oportunidade de comprender como funciona a sede electrónica e aquelas que non o tiñan aproveitaron para solicitar o certificado electrónico.

A formación foi impartida por Daniel Oca, profesional docente con experiencia en obradoiros de formación dixital con profesionais do sector pesqueiro. Para desenvolver estas sesións formativas, realizáronse distintos documentos e guías, que se compartiron coas usuarias mediante a aula virtual.

A seguinte sesión centrarase na formación de temas relacionados coa xestión dixital do traballo e, ademais, poderán trasladar as dúbidas que lles vaian xurdindo.

A próxima sesión, o 4 de maio

Desde o GALP Ría de Arousa emprázase ás participantes a achegarse á vindeira xornadas deste programa, que terán lugar o 4 de maio no mesmo centro. O contido desta xornada xirará arredor das habilidades dixitais, poñendo en práctica capacidades que melloren a nosa relación coa tecnoloxía.

A inscrición está aberta a través do enderezo electrónico dinamizacionmulleresarousa@gmail.com ou no teléfono 627 096 062.

Máis información sobre o programa na nosa web, no seguinte enlace.