
Arrinca o proxecto PescaConCiencia: Alianza por un futuro Sostible, no marco do Ano Internacional da Pesca e Acuicultura Artesanal 2022, que promove a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), contribuíndo a lograr unha alianza na que a sustentabilidade e o medio ambiente desenvolvan un papel fundamental.
O proxecto, financiado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020 baixo estratexias de desenvolvemento local participativo a través da Consellería do Mar, ten por obxectivo xeral contribuír á adaptación do sector pesqueiro artesanal de Galicia para os efectos do cambio climático.
Esta iniciativa levarase a cabo a través da cooperación entre sector pesqueiro e académico, coa transferencia de coñecemento bidireccional para a identificación conxunta de medidas de adaptación e recomendación.
Neste proxecto de alcance rexional participan os seguintes Grupos de Acción Local no sector pesqueiro (GALP): GALP Costa Sostible, GALP Golfo Ártabro Sur, GALP Golfo Ártabro Norte, GALP Ría de Arousa, GALP Ría de Pontevedra e GALP Ría de Vigo - A Guarda.
En concreto, levará acabo as seguintes accións:
- Diagnose participativa e caracterización do sector: vulnerabilidade do sector ao cambio climático.
- Organización dun foro conxunto: alianza por un futuro sostible.
Como resultado do proxecto contarase cun acordo de colaboración entre o sector pesqueiro e a ciencia en materia de cambio climático e unha folla de ruta para a súa respectiva implementación.
Fases
Nunha primeira fase estase establecendo contacto coas confrarías das áreas de influencia dos GALP participantes. Nestes primeiros encontros explicaráselles o proxecto e terán a oportunidade de realizar unha enquisa, que servirá de base para traballar conxuntamente co sector académico e científico nuns obradoiros que se celebrarán en setembro e cuxas datas se avanzarán proximamente.
Neses talleres intentará definirse unha diagnose real do impacto do cambio climático no sector pesqueiro artesanal e no marisqueo.
Finalmente, no mes de outubro, e a a partir dos resultados dos obradoiros, organizarase un foro conxunto entre os profesionais do sector pesqueiro e do ámbito científico das tres universidades galegas, das que proceden as persoas académicas que traballaron na elaboración da diagnose.
No encontró analizaranse os factores de risco e identificaranse as accións concretas e solucións específicas para a mitigación e adaptación do sector, de cara a mellorar a súa resiliencia fronte a este reto global.
Podes ver o díptico do proxecto no seguinte enlace.