Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O marisqueo a pé, a acuicultura das bateas e os recursos específicos da Ría de Arousa nunha nova sesión de traballo do programa EMBARCA

 

O pavillón Fexdega de Vilagarcía de Arousa volveu reunir as mulleres do GALP Ría de Arousa nun encontro dedicado á construción dun relato que dea a coñecer o seu oficio como bateeiras, mariscadoras de a pé, de a flote e percebeiras.

A sesión de traballo centrouse en mellorar as competencias das mulleres do sector marítimo pesqueiro na elaboración e exposición dun relato que guíe a visita de turistas polo mar e os areais do Salnés máis da Arousa Norte.

Despois de seis meses de acompañamento do programa EMBARCA, máis dunha ducia de mulleres de Vilagarcía de Arousa, Vilanova, O Grove, Boiro e Ribeira teñen case a punto o seu propio proxecto de turismo mariñeiro, unha iniciativa que busca dinamizar o emprendemento e o papel das mulleres nas comunidades costeiras.

Neste tempo identificaron os recursos e as tarefas que lles gustaría ofrecer aos visitantes e ás persoas interesadas en coñecer o seu traballo. Elixiron desenvolver actividades relacionadas co marisqueo a pé, a acuicultura de batea e recursos específicos como o percebe. Na Arousa Norte traballarían o marisqueo a pé e os recursos específicos, mentres que no Salnés centrarían as visitas guiadas no marisqueo a pé e na acuicultura do mexillón.

Na xuntanza deste 29 de maio aguzaron a memoria, o enxeño e a vista para identificar nun mapa da comarca as localizacións, as actividades e os recursos que van guiar a súa narración oral, pero tamén aprenderon novas competencias no uso da voz e do corpo para mellorar a exposición do seu relato e orientalo a diferentes públicos.

O próximo encontro das mulleres do GALP da Ría de Arousa terá lugar o venres 8 de xuño na Illa de Arousa e en Cambados, nunha visita técnica ás instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) e á experiencia de turismo mariñerio de Guimatur. Será unha xornada compartida coas emprendedoras dos GALP Ría de Pontevedra, Ría de Vigo-A Guarda e Seo de Fisterra-Ría Muros-Noia.