Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Primeiro encontro de mulleres Candieira arredor do turismo mariñeiro

 

Mulleres do mar das zonas da Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa e Costa da Morte participaron nunha xornada de carácter técnico marcada pola visita ás instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Illa de Arousa) e á Asociación Cultural Guimatur, que dende hai máis dunha década desenvolve unha experiencia de turismo mariñeiro en Cambados.

 

A xornada comezou coa benvida a todas as mariscadoras, bateeiras, redeiras e percebeiras que participan no programa EMBARCA de Candieira e aceptaron o convite da Rede d apoio e promoción das mulleres do mar. Unha invitación a seguir aprendendo, a crear novos espazos de intercambio e a reforzar lazos de unión que fortalezan o asociacionismo e a autonomía das profesionais.

Repartidas en dous grupos, 55 mulleres das Confrarías de Camariñas, Carril, Vilanova, Cabo de Cruz, Carreira-Aguiño, Lourizán, San Telmo, Raxó, Arcade e Aldán Hío; máis das Asociacións Amarcarril, Amegrove, Mulleres do mar de Poio e Redeiras O Fieital de Malpica, visitaron as instalacións do IGAFA, un centro de referencia no ámbito da formación en acuicultura e mergullo.

Ademais de coñecer a oferta formativa do centro, percorreron os espazos de reprodución e cría de diferentes especies de peixes, moluscos e crustáceos seguindo as explicacións de Emilio Cid, coordinador da área de minicriadeiros, e de Ventura Villar, profesor de crustáceos e cultivos auxiliares.

Co fin de proporcionarlles unha visión de conxunto sobre o proceso de produción acuícola de cara á realización de futuras visitas de turismo mariñeiro, os guías repasaron os distintos ciclos de reprodución, cría e repoboación do medio mariño, ademais de satisfacer a curiosidade das mulleres, que non deixaron de facer preguntas durante todo o traxecto.

Tras un xantar de confraternidade, o encontro continuou en Cambados. Primeiro, na sede da Confraría de Pescadores, onde escoitaron a experiencia das mariscadoras de Guimatur arredor do turismo mariñeiro, un proxecto propio que puxeron en marcha no ano 2004 e que manteñen na actualidade, máis profesional e diversificado.

A presidenta de Guimatur, María José Cacabelos, foi a encargada de explicarlles a orixe e a evolución de Guimatur. A necesidade de abrirse camiño nun mundo de homes e o interese por facer visible a forma de vida e de traballo das mulleres do mar foi o que as puxo en marcha. A partir de aí formáronse e aprenderon a comunicar, a canalizar o seu discurso, a diseñar as rutas, a xestionar o turismo en época de grandes cupos e, así, a fomentar o amor polo medio natural e o traballo mariñeiro.

O relato de María José Cacabelos suscitou máis preguntas pero tamén interese por saber como se desenvolven co público no banco de Santo Tomé e na súa contorna cando calzan as botas brancas e visten o uniforme de Guimatur.

Comprobárono in situ, movéndose en varios grupos polos diferentes espazos que pisan as mariscadoras de Guimatur cando teñen visitas. O percorrido serviulles ás mulleres do programa EMBARCA para ver como se planifica a andaina mailo discurso, e como combinar o relato máis formal con anécdotas e vivencias persoais.

Foi o primeiro grande encontro das mulleres de Candieira que buscan emprender no ámbito do turismo mariñeiro, unha experiencia que deixa as portas abertas non só a novos proxectos senón á creación dunha rede de intercambio máis sólida entre mulleres de diferentes zonas costeiras.