Misión, visión e valores da EDLP
Misión: a misión é a meta xeral que actuará como referente último da actuación da entidade
1. É a meta xeral que actuará como último referente da actuación da entidades. A súa descrición debe ser breve e non superar as dúas liñas.
O GALP Ría de Pontevedra quere axudar a mellorar as condicións de vida e as oportunidades de desenvolvemento actuais e futuras dos integrantes da comunidade costeira na zona. Facilitará coas súas accións a competitividade dos produtos e dos produtores, o benestar da veciñanza e o aprecio dos visitantes, construíndo co uso sostible dos recursos do mar, da contorna costeira e da herdanza mariñeira un emblema de desenvolvemento.
Visión: a visión é, en esencia, unha imaxe que se proxecta no futuro que se desexa para o GALP. É un factor utópico “ideal” que empurra a organización a actuar dunha maneira integrada.
1. É o que pretende ser o GALP no futuro. A súa descrición debe ser breve e non superar as dúas liñas.
O territorio do GALP Ría de Pontevedra será recoñecido, tanto polos seus integrantes como dende fóra, como un exemplo de rexeneración e protección do medio litoral, dos recursos naturais e da herdanza e o patrimonio costeiros. Esta aposta transformarase no principal distintivo de calidade na promoción dos produtos e servizos da zona, garantindo a mellora das oportunidades, a cohesión do territorio e o benestar social.
Valores: calquera organización que promove iniciativas de carácter público ou privado ten como base unha serie de valores, que son un elemento central que artella a definición das súas estratexias. Estes son inherentes ás organizacións, pero tamén son unha determinada maneira de xestionar procesos.
1. Enumerar un parágrafo que defina os valores da organización, ou ben indicar os que vai asumir esta, e describilos sucintamente.
O GALP Ría de Pontevedra é unha organización aberta, de ampla base democrática, facilitadora da gobernanza e da integración e participación activa de todos os axentes de representación colectiva: territoriais, institucionais, sociais e económicos, tanto públicos como privados sen ánimo de lucro, interesados en promover o desenvolvemento integral e equilibrado da zona costeira. Tal e como recollen os seus estatutos, rexerase polos principios de representación, de observancia da legalidade e de democracia interna no seu funcionamento no marco da Constitución e no resto do ordenamento xurídico pola Lei orgánica 1/2002 de 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.
As actuacións do GALP da Ría de Pontevedra estarán fundamentadas nos seguintes valores:
- Valores de calidade nos servizos que ofrece o GALP.
O GALP Ría de Pontevedra como entidade colaboradora para a xestión de fondos públicos comprométese cos seguintes valores:
- Transparencia no gasto e equidade nas decisións e na xestión dos recursos.
- Mellora continua na prestación de servizos á cidadanía.
- Cooperación e colaboración con outras entidades públicas e privadas.
- Valores propios da gobernanza inspiradora da entidade:
O GALP Ría de Pontevedra ten como xermolo a promoción da gobernanza do territorio e servir, por tanto, de axente integrador deste, polo que actuará cos seguintes valores de referencia:
- Fomento da participación dos axentes sociais e do empoderamento das comunidades costeiras.
- Fomento da cohesión social e territorial e das iniciativas de vertebración.
- Fomento do emprego de calidade e do benestar social.
- Igualdade de oportunidades, promoción activa da inclusión e do respecto pola diversidade e non discriminación, tanto nas actuacións que promova o grupo como nas de terceiros.
- Protección do medio, das tradicións e das prácticas sostibles e do patrimonio.
- A aposta por un desenvolvemento económico sostible, integrador e socialmente equitativo.
- Aposta pola innovación e todos os eidos da actuación do GALP, polas melloras na formación e polo acceso xeneralizado ao coñecemento.
- Valores propios da xestión de recursos públicos:
- A economía, eficacia e eficiencia no gasto público.
- A pertinencia das accións que promova en relación á estratexia definida.
- A coherencia cos obxectivos do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca.
- A complementariedade deste programa con outros que paralelamente actúan no territorio.
No contexto da presente estratexia, o GALP velará polo traslado destes principios e valores a todas as accións promovidas dende o grupo e encamiñadas á consecución dos seguintes obxectivos que constitúen o cerne da estratexia.