Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Unha corentena de proxectos buscan reactivar o sector pesqueiro, os recursos naturais e a cultura mariñeira da Ría de Pontevedra

Finalizado o prazo de alegacións contra a resolución provisional da convocatoria de marzo das axudas da Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, a xunta directiva do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra vén de aprobar a listaxe definitiva de proxectos aos que se propón que vaian destinadas estas axudas.

Das 54 solicitudes recibidas, foi a convocatoria con máis peticións rexistradas por este GALP, foron seleccionados 39 proxectos, 17 produtivos e 22 non produtivos. Todos eles deben cumprir coa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), cuxos fins son mellorar a competitividade dos sectores pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura; fomentar a diversificación e xeración da actividade económica; promover melloras ambientais e proxectos de sensibilización, e impulsar a revalorización e conservación do patrimonio e a cooperación.

Entre os proxectos produtivos, que poden chegar a ser subvencionables ata nun 80%, pódense atopar propostas de diversa índole. Están aquelas máis orientadas ao aumento da competitividade do sector como as lideradas por autónomos e empresas dedicadas ao comercio minorista de peixe, consistentes na adquisición de vehículos isotérmicos, cámaras frigoríficas ou equipos de control de temperatura para mellorar a distribución do produto pesqueiro. Nesta mesma liña tamén se sitúan as iniciativas de comercializadores e transformadores, que apostan por novos produtos encamiñados á canle do retail, acondicionar un local para abrir negocios ligados ao sector como o restaurante El Pescador, mellorar a comercialización, habilitar unha nova liña de comercialización online ou desenvolver novos produtos pesqueiros aplicando os principios de economía circular.

O proxecto que acadou unha maior puntuación no apartado de proxectos produtivos foi o presentado pola Lonxa de Campelo AIE, consistente na adquisición dun modelo optimizado de autocargador de algas de arribazón intermareais.

Pola súa banda, as iniciativas de Newporsunbeach S.L, Carlos Sabor, David Otero, RD Suites 68 SLU e El Encanto de Xaras S.L desenvólvense baixo outro dos obxectivos da EDLP-a posta en valor do patrimonio marítimo- poñendo en marcha servizos turísticos ligados á cultura mariñeira e aos recursos naturais do territorio, desde rutas en bicicleta polas Rías Baixas ata espazos ecolóxicos e de aloxamento desde os que achegarse a ela.

Con esa mesma intención, a de dar a coñecer a riqueza do mar e visibilizar o labor das persoas que traballan nel, preséntase o proxecto de pescaturismo de Sauro Martínez, patrón maior da Confraría de Pescadores de Sanxenxo, o que, á súa vez, constitúe unha vía de diversificación para a actividade da pesca artesanal.

No tocante aos proxectos non produtivos, que optan a ser subvencionables ata nun 100% nalgúns casos, priman aqueles relacionados cos recursos naturais e o patrimonio da Ría de Pontevedra.

Vinculadas coa mellora do medio, sitúanse as iniciativas da Lonxa de Campelo AIE, do Club Náutico de Portonovo, do Concello de Sanxenxo e do Concello de Pontevedra. A primeira quere deseñar e construír un sistema de recollida de algas submareal. A proposta do Club Náutico pasa pola mellora da eficiencia enerxética, da accesibilidade e da seguridade do club. O consistorio de Sanxenxo aposta pola mellora da accesibilidade e da protección das dunas así como da dotación de servizos nas praias do seu litoral; mentres que o de Pontevedra busca sinalizar os espazos marítimo-fluviais da Ría de Pontevedra.

Vencellados tamén á contorna, pero xa máis ligados á promoción dos recursos e a sensibilizar sobre o seu coidado, preséntanse os proxectos do Concello de Pontevedra, Descubrindo o ENIL da Xunqueira de Alba e Guía de aves do ENIL da Xunqueira; do Concello de Poio, consistentes no desenvolvemento da primeira fase da posta en marcha da senda peonil de Samieira; do Concello de Meaño que busca poñer en valor o bordo litoral da desembocadura do río Chanca e desenvolver un programa educativo do mar e a terra do concello; e da Asociación Cultural Rías de Vida que aposta por unha iniciativa ligada ao mergullo e ao lixo mariño que quere concienciar sobre esta problemática.

Baixo o paraugas da revalorización e a conservación do patrimonio atopamos os proxectos do Club Mariño A Reiboa, baseado na dinamización das embarcacións tradicionais a través das novas tecnoloxías; e da Asociación Amigos da Dorna de Portonovo, que consiste en restaurar a dorna Praia da Panadeira.

Así mesmo, seguindo este eixo, están as iniciativas da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (AVITURGA) co seu plan NaturGalíciate, un mar de aventuras; do Concello de Bueu cun documental e un catálogo dedicado á cultura mariñeira que divulgue o traballo de Manuel Aldao e Manuel González ‘Purro’ arredor das embarcacións tradicionais; do Concello de Pontevedra con Pontevedra con sabor a mar e Unha viaxe ao redor do Colón Galego e, tamén ao abeiro da figura do explorador, emerxe o proxecto que pretenden dinamizar a Casa Museo de Colón e mellorar o seu equipamento liderado polo Concello de Poio.

Por outra banda, súmanse ás propostas de carácter non produtivo a do Concello de Marín que presenta un espazo emprendedor de Innovación Alimentaria; as da Confraría de San Telmo que busca apoiar o transporte de bivalvo e mellorar as condicións laborais dos traballadores e traballadoras do mar; a da Confraría de Bueu que consiste na incorporación dunha embarcación de vixilancia, e a da Confraría de Pescadores San Roque de Portonovo, cun proxecto para a mellora da comercialización e do equipamento da zona de atención a visitantes da lonxa.

O importe total dos investimentos subvencionables de todos eles supera os 3,2 millóns de euros. O importe de axudas propostas polo GALP supera os 1,6 millóns de euros. As porcentaxes de axudas aprobadas van dende o 38,72% ata o 75% nos proxectos produtivos e dende o 80% ata o 100 % nos non produtivos. Os proxectos de carácter produtivo presentan compromiso de emprego equivalente a 12,7 empregos a tempo completo. A Consellería do Mar será agora a Administración competente para a resolución definitiva.