Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Campaña "O mar tamén ten mulleres"

A campaña O MAR TAMÉN TEN MULLERES lánzase a recoller imaxes e relatos das traballadoras do mar para organizar unha mostra itinerante

O 14 de maio presentouse en Vigo a campaña O MAR TAMÉN TEN MULLERES, un proxecto que pon en marcha o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo – A Guarda (GALP 7) co obxectivo de recoller fotografías e relatos das traballadoras que dedicaron a súa vida ao mar no territorio que abarca o grupo e que abrangue os concellos de Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda. Mariscadoras, redeiras, bateeiras, traballadoras da salga e da conserva, investigadoras e mariñeiras, serán as protagonistas dunha exposición que pretende recuperar os saberes de mulleres anónimas para poñer en valor o seu traballo, rendirlles homenaxe e rescatar capítulos preciosos da nosa memoria histórica. 

Trátase dun “proxecto participativo no que recolleremos as imaxes e narracións orais de todas as mulleres que queiran formar parte dunha mostra itinerante coa que queremos visibilizar o labor, moitas veces esquecido, de tantas traballadoras que repartiron as súas vidas entre o mar e o coidado das súas familias”.

As fotografías poden achegalas as propias protagonistas, as súas familias ou calquera persoa autorizada,  a través do correo electrónico fotosmulleresgalp7@gmail.com xunto cos seus datos de contacto, antes do domingo 2 de xuño. Das imaxes recollidas sairán as 30 que formarán parte da exposición itinerante que se mostrará por primeira vez ao público entre o 11 e o 14 de xullo, durante o Encontro de Embarcacións Tradicionais de A Guarda. Ademais, elaborarase un catálogo online con todas as fotografías recollidas.