Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Campaña #Quedaconosomar

Igual que sucede noutras actividades, a crise provocada polo Covid-19 é complicada para o sector. Como afronta esta situación? Que pode facer a cidadanía para axudar ao sector do mar?

Dende que se decretou o estado de alarma, a actividade na confraría mantense baixo mínimos. Aínda que somos un sector esencial no subministro de alimentos, moitos produtos do mar non son de primeira necesidade e moito menos en tempos de pandemia e de gran incerteza económica. O peche da hostalaría e restauración afectounos “de cheo”.

O sector percebeiro tivo que parar en seco, xa na última semana antes do decreto os prezos caeron en picado e a primeira marea do confinamento quedamos sen compradores e tivemos que pechar por forza maior. O sector pesqueiro adaptou a súa actividade a escasa demanda na subhasta que tirou polo chan o prezo dos peixes máis finos: linguados, rodaballos, robalo …  e de produtos tan valorados coma o polbo. No mes de abril soamente o sector de ourizo mantivo unha actividade continuada aínda que tivo que asumir baixadas do prezo dun 40%.

Con todo, tamén tivemos que ocuparnos da crise sanitaria. Os primeiros días a duras penas puidemos comprar algo de material: mascarillas de papel, guantes, xabón e xel para que empregados, provedores e clientes puideran acudir  á confraría e a lonxa cun mínimo de seguridade. Para minimizar a exposición ao virus pechamos a oficina ao público e compaxinamos o teletraballo co traballo presencial para atender os trámites imprescindibles e a actividade pesqueira que aínda que diminuída, seguimos tendo.

Pero desgraciadamente, moitas familias do noso sector quedaron en branco, sen ningún tipo de ingresos. Solo esperamos que as axudas económicas cheguen canto antes porque o noso xeito de gañarnos a vida, desapareceu dun día para outro, e aínda tardará en recuperar.

Os meses vindeiros son incertos, os afrontamos con medo e resignación pero tamén con esperanza. Temos por diante o reto de recuperarnos da pandemia, sobre todo aqueles produtos de máis de valor comercial, non tan esenciais… sen dúbida haberá que reinventarse e os comezos serán duros, pero temos moito que ofrecer a sociedade e dende xa, estamos a traballar para chegar a todos como sempre o fixemos, acercando á xente a riqueza e a saúde do noso mar.

Cal considera que é a importancia do sector do mar e, mais concretamente, da súa actividade, para a sociedade e a economía de Galicia?

A pesca en Galicia, é dos sectores primarios con maior importancia tanto a nivel económico como social; a calidade dos produtos que pescamos ou extraemos en todo o litoral de Galicia están recoñecidos a nivel nacional e internacional, a maioría dos produtos están certificados coa marca de calidade como “Pescaderias, de onde si non?”.

No caso concreto da actividade que eu me dedico, a extracción de percebe nas rochas e cando está aberta a temporada do ourizo tamén; non cabe dúbida de que a miña actividade ten moita incidencia na economía de Galicia, xunto con outros sectores que dan impulso aos nosos produtos, concretamente os da restauración e o turismo. Todos xuntos formamos un gran equipo no que cada un desempeñamos os nosos traballos con profesionalidade.

Canto emprego e volume de facturación xera o sector do mar na zona.

No que se refire no emprego que xera a pesca na nosa zona, non podería precisar un número concreto de empregos, o único que podo indicar son o número de persoas/embarcacións que están asociadas a esta Confraría e que son os seguintes:  50 percebeir@s “A Pé” que traballan na extracción de marisco con plan de explotación, 18 embarcacións que se dedican a extracción de percebe e ourizo, e 30 embarcacións que se dedican á pesca con artes menores.

Pero hai que subliñar que nesta zona, onde un dos motores principais da economía é a pesca, ten moita incidencia no emprego, no que teriamos que incluír o sector hoteleiro, restauración, compradores de peixe, comercio, entidades financeiras, etc.

O volume de facturación que se xera na lonxa dos produtos pescados na nosa costa, durante o ano 2019 se facturou unha cantidade que ronda os 1.250.000 €.

Que características propias da súa actividade fan que sexa esencial para a sociedade?

A actividade do marisqueo en Galicia ten moita importancia para sociedade, é importante para que actividades artesanais non se perdan, tamén é unha fonte de ingresos para moitas familias que se dedican a esta actividade

Ao ser un produto primario, e necesario para que outros sectores podan seguir funcionando e ofrecendo produtos de calidade e garantía.

Por que cre que é vital consumir produtos do mar?

De todos é sabido que a calidade do peixe, marisco que se extrae na costa de Galicia e de primeira calidade. Somos uns privilexiados por poder vivir e traballar en Galicia, de poder desenvolver unha actividade extractiva a nivel individual e colectivo, para despois mirar a satisfacción de que outras persoas desfruten da pesca que realizamos.

Non cabe dúbida que consumir produtos frescos e de boa calidade son beneficiosos para a saúde, sendo unha fonte importe na alimentación das persoas.

Campaña #Quedaconosomar