Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Golfo Ártabro Sur é o único que participa nos catro novos proxectos de cooperación impulsados polos GALP de toda Galicia para seguir dinamizando o seu territorio

  • A Consellería do Mar aprobou as catro solicitudes, que contan cun apoio de máis de 370.000€ para desenvolverse entre este ano e o próximo.
  • Os novos proxectos son Remuda xeracional ll, Bitácoras do mar, Rimartes e Un mar en común.
 
A Consellería do Mar aprobou este ano axudas por valor de 370.000€ para catro novos proxectos de cooperación dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) que buscan dinamizar as zonas costeiras de Galicia e afrontar algúns dos seus principais retos como é a remuda xeracional, o apoio ao sector profesional ou o impulso á economía azul. Con estas iniciativas, a comunidade intensifica a colaboración entre os GALP xa que desde 2016 aprobou 14 proxectos por un importe total de máis de 1,3M€ cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Os catro proxectos de cooperación aprobados na convocatoria de 2021 destas axudas son “Remuda xeracional ll”, “Bitácoras do mar”, “Rimartes” e “Un Mar en común” e desenvolveranse todos entre este ano e o próximo coa participación de varios Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro. Onte, o GALP Golfo Ártabro Sur reuniuse en Santiago de Compostela co resto de GALP de Galicia para iniciar a andaina destes catro novos proxectos.

Neste contexto, entre 2020 e 2022, o GALP Golfo Ártabro Sur participará nun total de 7 proxectos de cooperación xa que aos catro anteriores se suman os que xa están en marcha: Relevo 2020, Pasaporte REMA e Tanza.

Obxectivos estratéxicos
O proxecto Remuda xeracional ll: acercamento do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola aos centros de ensino para a remuda xeracional está promovido por seis GALP entre os que o GALP Ría de Arousa actúa de coordinador. A el súmanse o GALP A Mariña-Ortegal, o GALP Golfo Ártabro Norte, o GALP Ría de Pontevedra, o GALP Ría de Vigo-A Guarda e o GALP Golfo Ártabro Sur. Conta cunha achega de 86.000€ e a súa actividade centrarase en dar a coñecer as posibilidades que ofrece o sector pesqueiro ao alumnado dos centros de ensino para promover a remuda xeracional.

A iniciativa Bitácoras do mar: repercusión do papel dos GALP nas zonas costeiras de Galicia. Un antes e un despois conta cun apoio de preto de 88.000€ e está impulsada por cinco GALP. A coordinación corre a cargo do GALP Golfo Ártabro Norte e participan nel tamén o GALP Seo de Fisterra - Ría de Muros e Noia Costa Sostible, o GALP Ría de Arousa, o GALP Ría de Pontevedra e o GALP Golfo Ártabro Sur. Esta acción pretende poñer en valor os resultados do traballo dos GALP no reforzo da gobernanza das zonas costeiras e recoller as leccións aprendidas e as boas prácticas dado o seu impacto na economía azul. No marco deste proxecto prevense actuacións como unha mostra itinerante para o intercambio de información das experiencias e proxectos desenvolvidos polos diferentes grupos e a definición dos principais retos dos GALP no ámbito galego de cara ao futuro período dos fondos europeos.

A terceira solicitude aceptada é Rimartes: riquezas do mar. Tesouros do profundo coa que tres grupos de acción local pretenden impulsar a competitividade turística das súas zonas de influencia poñendo en valor a cultura e o patrimonio material e inmaterial mariñeiro empregando como fío condutor os naufraxios, o patrimonio cultural somerxido e a gastronomía. Nesta iniciativa, que conta cunha achega de máis de 145.000€, participan o GALP Seo de Fisterra Ría de Muros e Noia Costa Sostible, que actúa de coordinador, o GALP Costa da Morte e o GALP Golfo Ártabro Sur.

O último dos proxectos aprobados é Un mar en común. A afouteza da xente do mar, no cal participan catro GALP. O GALP Ría de Pontevedra é o coordinador da iniciativa e participan nela o GALP A Mariña-Ortegal, o GALP Golfo Ártabro Norte e o GALP Golfo Ártabro Sur. Cun apoio de algo máis de 51.000€, estes grupos buscan reforzar a participación das entidades asociativas do litoral, especialmente as do sector pesqueiro, nos propios GALP e mellorar tanto a súa visibilidade como a súa estrutura.

Estes novos proxectos permiten a Galicia avanzar nun modelo de cooperación e colaboración entre os GALP que xa foi recoñecido como exemplo de boas prácticas pola Rede Europea de Zonas de Pesca FARNET, constituída por grupos de acción local, autoridades de xestión, cidadáns e expertos de toda a Unión Europea.