Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O proxecto Pescaderías Sonia obtén o recoñecemento de boas prácticas en materia de igualdade

Pescaderías Sonia
 
  • O ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Rede Española de Mulleres no Sector Pesqueiro recoñeceu a iniciativa, financiada polo Golfo Ártabro Sur, que é pioneira no sistema de venda de peixe fresco e de proximidade a través dunha máquina expendedora. 
Pescaderías Sonia, un dos proxectos ao abeiro do financiamento do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur, foi recoñecida como iniciativa de “boas prácticas emprendedoras promovidas por mulleres do sector e en materia de igualdade”, distintivo que outorga o ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Rede Española de Mulleres no Sector Pesqueiro.
 
O proxecto consistiu na apertura e modernización dunha peixería cunha proposta pioneira en Galicia, que se baseou na colocación dunha máquina expendedora de peixe e marisco fresco envasado ao baleiro nas instalacións situadas no mercado de Elviña. Unha medida innovadora que se puido levar a cabo grazas ao apoio do GALP Golfo Ártabro Sur.
 
Con esta iniciativa, a peixería conseguiu chegar a novos clientes, ofrecendo  unha nova opción a aquelas persoas que polo seu horario non poidan mercar cando o posto está aberto. Unha forma sinxela e práctica de adquirir produtos de proximidade, calidade e frescura. Á súa vez, os pedidos que se fan á peixería tamén poden ser recollidos na propia máquina.
 
O proxecto incluíu a instalación dunha máquina peladora, unha envasadora ao baleiro e un mostrador, permitindo axilizar o traballo.
 
Á súa vez, coa iniciativa incentivouse a venda de peixe e marisco a través de pedidos online así como coa procura de aparcamento gratuíto aos usuarios que acudan ao establecemento. Tamén se está a impulsar o consumo destes produtos entre os cativos e cativas con pequenos agasallos.
 
Con este recoñecemento valórase o labor das persoas traballadoras na peixería, así como do GALP, en materia de creación de emprego, emprendemento feminino e innovación e novas tecnoloxías.