A segunda edición do programa de cooperación Relevo 2020 está chegando á súa fin desde o seu inicio a finais de marzo. Ata xuño, os asistentes do GALP Golfo Ártabro Sur asisten aos últimos dos seminarios do programa e ás titorías individuais. No noso territorio, as sesións teñen lugar os mércores en Sada, en horario de mañá, a partir das 10.00h.
En paralelo, a organización de Relevo 2020 tamén se atopa preparando as visitas finais nas que o alumnado de diferentes territorios GALP compartirá unha xornada de convivencia, con todas as medidas de seguridade. Aproveitarán o encontro para coñecer novos proxectos empresariais da man de persoas que seguen a colaborar con esta iniciativa.
Formando a novos profesionais do mar
Relevo2020 é unha novidosa iniciativa formativa dirixida a mozos de máis de 16 anos a través da que se quixo promover o relevo xeracional no sector pesqueiro. Estaba dirixida a persoas que querían encamiñar o seu futuro profesional no sector do mar ou da pesca e, antes, vían necesario consolidar ou ampliar a súa formación a través dunha aprendizaxe totalmente personalizada e gratuíta.
Así mesmo, é un dos tres programas de cooperación dos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) no que colabora o GALP Golfo Ártabro Sur, en concreto xunto co GALP A Mariña-Ortegal, GALP Golfo Ártabro Norte, GALP Seo de Fisterra Ría de Muros Noia - Costa Sostible e GALP Ría de Arousa.